Galiza empeora nas tres disciplinas do primeiro informe PISA pos Covid

(Foto: Europa Press)

As probas foron realizadas na primavera de 2022 e participaron 1.824 alumnos e alumnas de 58 centros galegos.

Os datos galegos seguen a ser superiores á media do Estado, da Unión Europea e da OCDE nas tres materias.

O Informe do Programa para a Avaliación Integral de Alumnos (PISA) 2022 reflicte un descenso da Galiza nas súas puntuacións das tres disciplinas avaliadas --Matemáticas, Ciencias e Lectura-- con respecto ao do ano 2018, o último realizado antes da irrupción da pandemia da Covid-19, mais tamén en comparación ao de hai unha década.

Cabe resaltar que o estudo PISA 2022, dado a coñecer esta trza feira, advirte dunha caída xeneralizada das puntuacións tanto no Estado como en todos os países da Unión Europea e da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE).

A Galiza mantén a súa primeira posición no ránking de territorios en Ciencias con 506 puntos, mais baixa catro con respecto ao anterior barómetro. Ademais, vese alcanzada por Castela e León, coa mesma puntuación.

Mais a gran caída da Galiza prodúcese na disciplina de Matemáticas, con 486 puntos no informe de 2022, doce menos que no de 2018. Isto implica que a Galiza baixa da quinta posición á oitava.

Unha tendencia parecida sucede na variable de Lectura, na que a Galiza perde nove puntos e colócase con 494 en sétima posición, cando antes da pandemia estaba de terceira.

Ademais, os alumnos galegos baixaron a súa puntuación nas tres disciplinas con respecto ao informe de 2012, hai unha década, cando obtiveron 512 en Ciencias, 499 en Matemáticas e 489 en Lectura.

Ben é certo que os datos galegos seguen sendo superiores á media do Estado, da Unión Europea e da OCDE nas tres materias. A nivel estatal, España obtivo o seu peor resultado da historia en Matemáticas na edición de 2022, mentres que tamén empeorou os seus resultados en Lectura respecto ao informe de 2018 pero melloraron en Ciencia.

Por xénero

O informe PISA tamén ofrece as puntuacións separadas por xéneros nas tres materias. Os mozos destacan en dúas das tres disciplinas (Ciencias e Matemáticas), aínda que en Lectura ocorre ao revés.

Nesta última, as mulleres sitúanse moi por riba con 499 puntos fronte aos 472 dos homes, unha diferenza de 27 para elas. En cambio, en Ciencias os mozos están seis por encima (509) con respecto ás mozas (503) e en Matemáticas ocorre o mesmo cunha diferenza de dez entre os mozos (491) e as mozas (481).

Se se observan as cifras separadas por centros educativos públicos e privados, na Galiza tamén estes últimos conseguen mellores puntuacións, aínda que a diferenza entre ambas as dúas tipoloxías non é tan acusada como a nivel estatal, europeo e mundial.

En Matemáticas, os colexios privados obteñen 494 puntos fronte aos 483 dos públicos (diferenza de 11 puntos); en Lectura, os privados alcanzan os 496 e os públicos os 481 (15 de diferenza); e en Ciencias, os privados obteñen 512 fronte aos 503 dos públicos (9 de diferenza).

Tras coñecerse o resultado do último informe PISA, elaborado con probas realizadas na primavera de 2022 e nas que participaron 1.824 alumnos de 58 centros galegos, a Xunta da Galiza emitiu un comunicado no que destaca a "boa situación" da Galiza "en todas as variábeis", pese ao "contexto xeneralizado de baixada" tanto a nivel estatal como internacional que vincula ao impacto da pandemia.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades reivindica o primeiro lugar en Ciencias, empatada con Castela e León, pero valora especialmente o liderado na equidade do sistema educativo, que garante a igualdade de oportunidades do alumnado sen que importe o seu contexto social, económico e cultural. Neste ranking, Galicia continúa en primeira posición xunto con Cantabria.

De feito, a Xunta destaca este parágrafo que se inclúe, literalmente, no informe: "Os sistemas educativos máis robustos son os que conseguen equidade e excelencia a pesar dos desafíos que a pandemia COVID-19 supuxo para a educación en todo o mundo".

Así a todo, a Consellería de Educación fará agora "unha análise pormenorizado" dos datos do estudo co obxectivo de que o sistema "continúe avanzando na súa mellora e consolidación nos próximos anos".

O departamento que dirixe Román Rodríguez vincula a caída dos datos ao impacto da pandemia e reivindica que, desde entón, a Xunta "reforza" o ensino público con medidas como o plan 'Recupera', o programa 'Acompaña' e a 'PROA', entre outras follas de ruta.