A Galiza encabeza a maior sinistralidade e a suba de accidentes en Semana Santa

En 2021, 70% do total de accidentes mortais tivo como protagonistas vehículos de máis de dez anos. (Foto: Nós Diario)
Das cinco mortes rexistradas, catro correspóndense á traxedia de Xove.

A Galiza fica á cabeza do Estado en maior sinistralidade diaria e en maior aumento de accidentes con respecto ao ano anterior ao feche da campaña da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) por Semana Santa. Así, esta resultou a Semana Santa máis tráxica desde 2016 (con 41 falecidos) no conxunto do Estado español.

En total, 35 persoas faleceron esta Semana Santa, sete máis que en 2022, e destas, cinco correspóndense á Galiza -catro no fatídico accidente de Xove (comarca da Mariña Occidental)-. O país non rexistraba cinco mortes en estrada neste período desde 2015.

Accidente en Xove

Precisamente, o sinistro de Xove provocou a morte de catro mozos, de 17 e 18 anos, que cursaban segundo de bacharelato no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. No vehículo viaxaban seis rapaces e só dous deles levaban o cinto de seguridade, un dos cales se salvou. O mozo que conducía o vehículo accidentado permanece en estado grave na UCI do Hospital Universitario de Lugo. De feito, onte o centro de ensino no que as vítimas cursaban os seus estudos organizou actos na súa homenaxe.

Por outra parte, 48% dos sinistros mortais rexistrados na Galiza en 2022 producíronse en estradas de titularidade da Xunta. Así o recolleron os datos da DXT publicados a semana pasada, nos que se informaba de 89 mortes na rede viaria galega.

Récord de desprazamentos

Ademais, nun ano no que tamén se bateu o récord de desprazamentos, rexistráronse 28 accidentes mortais de tráfico en vías interurbanas entre a sexta feira do 31 de marzo e esta segunda feira, 10 de abril, segundo os datos da DXT. Nese período, realizáronse 16,4 millóns de desprazamentos de longo recorrido, 3,8% máis que en 2022.

En canto aos tipos de accidentes, incrementáronse as vítimas mortais por saída de vía mais, pola contra, diminuíron os falecementos por colisións frontais. 

No referido ao medio de desprazamento, Tráfico destacou o número de falecidos que viaxaban en turismo (20), o que supón un aumento en comparación co ano pasado (9) e a cifra máis alta nos últimos dez anos. E con respecto aos grupos de idade, a franxa na que se rexistrou un maior incremento foi a comprendida entre 15 e 24 anos, cun total de nove falecidos, catro deles os de Xove.