Observatorio Galego da Acción Climática: "A Galiza esgota hoxe os seus recursos enerxéticos e pasa a depender o resto do ano de enerxía fósil importada"

Refinaría de Repsol na cidade da Coruña (Foto: Nós Diario).

O Día da Depredación Enerxética sinala o día do ano en que na Galiza se acaban os recursos enerxéticos galegos obxecto de aproveitamento. Segundo o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI), 75,2 % dos recursos enerxéticos usados na Galiza son de orixe fósil e importados maioritariamente do Sur global, Rusia e EUA.

O Día da Depredación Enerxética é un concepto creado polo Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) que pretende visualizar a “enorme dependencia da sociedade galega de enerxía fósil importada”. O uso de enerxía fósil  é responsábel, afirma, de 71,1% das emisións galegas de gases causantes de crise climática (2021).

O Ogacli define o Día da Depredación Enerxética como o día do ano no que a demanda de recursos enerxéticos na Galiza iguala a produción de recursos enerxéticos autóctonos, case todos de orixe renovábel (auga, vento e biomasa principalmente e cun peso semellante).

A partir dese día, “a vida social e económica do país paralizaríase totalmente de non ser pola importación masiva de enerxía fósil (petróleo, gas fósil e carbón), procedente maioritariamente do Sur global, Rusia e EUA”

O informe Día da Depredación Enerxética (2021) calcula que os recursos enerxéticos galegos esgotáronse o 1 de abril. Emprega para iso a información oficial sobre o uso de enerxía primaria, isto é, sobre os recursos enerxéticos a partir dos que se obtén a enerxía dispoñíbel para o consumo (combustíbeis, calor, electricidade).

Os recursos enerxéticos renovábeis galegos obxecto de aproveitamento  adóitanse acabar nalgún día de marzo, sendo a primeira vez desde 2010 en que non se esgotan até abril.  Pódese supor que en 2024 o Día da Depredación Enerxética acontece realmente nunha data próxima ao 1 de abril. Polo tanto, Galiza dependería tamén este ano de enerxía fósil importada para cubrir a demanda da súa economía durante uns nove meses do ano”.

A enerxía galega renovábel só achega 24,8% de toda a usada na Galiza, afirma a Ogacli. “O  aproveitamento dos recursos enerxéticos renovábeis galegos tendeu ao estancamento durante os últimos anos, pero o peso da enerxía primaria galega na total medrou uns seis puntos desde 2018 grazas ao brusco declive no uso do carbón na produción eléctrica.  En 2021 o emprego de carbón volveu baixar con respecto ao ano anterior, importándose sobre todo desde Indonesia e Rusia”.

Petróleo e gas fósil

O petróleo é o recurso enerxético  máis utilizado no noso país. O uso de cru de petróleo, ligado á actividade da refinaría da Coruña, repuntou un pouco en 2021 despois da caída en 2020 causada pola COVID-19, mentres que o emprego de produtos petrolíferos recuperou en 2021 niveis similares aos previos á pandemia. 

As principais áreas de procedencia do petróleo e derivados importados pola Galiza en 2021 foron América do Norte (Estados Unidos, México), o Magreb (Libia, Alxeria) e Rusia.

Desde 2019, o gas fósil, tamén chamado gas natural, é o segundo combustíbel fósil máis usado na Galiza.  En 2021 todo o gas natural importado na Galiza foi gas natural licuado transportado en 24 barcos metaneiros descargados na planta regasificadora de Reganosa en Mugardos, procedentes maioritariamente de Rusia (10), Estados Unidos (6) e África (6).

“Para que o Día da Depredación Enerxética sexa cada vez máis serodio é necesario actuar de forma simultánea e decidida en tres grandes frontes: o fin rápido e planificado do sector enerxético fósil (refinaría, regasificadora, centrais de ciclo combinado a gas fósil), o decrecemento xusto do consumo enerxético galego e o desenvolvemento responsábel das enerxías renovábeis a todas as escalas”, indica o Observatorio.