A Galiza esquiva as temperaturas máis extremas da vaga de calor pero alcanzará nalgúns puntos os 36 graos

As temperaturas non superarán os 36 graos na Galiza. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
Hai alerta amarela por fenómenos costeiros na costa noroeste do país.

A primeira vaga de calor "extrema" do ano chega estes días a boa parte da Península Ibérica con temperaturas de até 43 graos centígrados nalgúns lugares e unha trintena de provincias do Estado español en risco amarelo ou laranxa.

Mais ese cálido ar apenas se notará na Galiza, que esquiva en boa parte, xunto aos territorios da cornixa cantábrica, esta vaga de calor que durará até a quinta feira.

Na Galiza agárdanse intervalos de sol e nubes e bancos de néboa matinal no interior do país, así como fortes ventos do nordeste.

De feito, hai alerta amarela esta segunda feira —até as 18 horas— por fenómenos costeiros, nomeadamente polos fortes refachos de vento, na costa noroeste do país.

Temperaturas de até 36 graos

As temperaturas serán moderadas en boa parte do país, oscilando entre os 15 e os 26 graos en cidades como Lugo, A Coruña ou Ferrol.

Os termómetros superarán os 30 graos de máxima en Compostela (31º), Pontevedra (32º), Vigo (33º) e, sobre todo, Ourense, que marcará até 36 graos.

Ao longo da semana as temperaturas moveranse nestes intervalos, con poucas variacións.