A Galiza exporta máis de 783.000 toneladas de eucalipto para a industria pasteira portuguesa

Eucalipto laminado, materia prima, chega en tren á unidade industrial de Altri en Figueira da Foz (Distrito de Coimbra, Portugal). (Foto: Altri).

En 2023 tamén vendeu case 24.000 Tm a Bélxica e máis de 31.000 a Islandia.

En febreiro de 2018, entraba en vigor en Portugal a lei que prohibía novas plantacións de eucaliptos nese país até 2030. Unha norma que fora aprobada polo Goberno portugués en agosto de 2017, após a traxedia no mes de xuño dese mesmo ano, en Pedrógão Grande (no distrito de Leiría, na rexión centro), o xigantesco incendio no que morreron 66 persoas e que centrou o debate sobre a expansión do eucalipto e as súas consecuencias.

Esta decisión levou as empresas pasteiras portuguesas a mirar ao norte do Miño, un territorio que xa coñecían e onde levaban tempo mercando eucalipto. Mais foi desde 2018 cando optaron por ter unha presenza máis activa en territorio galego.

A Galiza exporta sen transformar máis da metade dos eucaliptos que saca do monte. En 2023 na Galiza cortáronse case 5,5 millóns de toneladas métricas desta especie e menos da metade fica para ser transformado na Galiza, o resto envíase a diferentes sitios, desde Asturias e Euskadi a Islandia ou Portugal.

Portugal é, de feito, o principal destino das exportación ao estranxeiro, por mor da demanda de pasteiras como Navigator (antiga Portucel) e Altri. En 2023 desde a Galiza exportouse ao país veciño un total de 783.505 TM de eucalipto. Unha cifra, desde logo, moi superior á que se envía a países como Islandia (31.172 toneladas métricas) e Bélxica, con 23.719 TM.

Altri, ademais das factorías que ten en Portugal, aposta por se instalar na Galiza cun proxecto para A Ulloa que está a xerar unha forte contestación social.  É consciente de que a materia prima está aquí, na Galiza, tamén rica en outros recursos que precisa para o proceso, como a auga.

A principal pasteira portuguesa, The Navigator Company, antiga Portucel, recolle nun informe publicado en 2023 que tiña na Galiza 42 'Unidades de Gestão' ou plantacións de eucalipto. Son dez máis das que posuía no exercicio anterior, 2021, cando eran 32. Aumentou en 31% nun ano, a un ritmo de cada unha nova plantación cada mes.

Ao principiar o exercicio de 2023, segundo o informe publicado no pasado mes de abril, a industria pasteira de Portugal xestionaba na Galiza un total de 955 hectáreas (ha). Ademais, esta cifra é netamente superior ao terreo que esta empresa tiña na Galiza no ano 2021 (eran daquela 601 ha) e moi superior ao que xestionaba no ano 2020: 356 hectáreas. Neste intervalo de tres anos, a superficie de eucalipto que The Navigator posúe en territorio galego aumentou 170%.

O relatorio de The Navigator informa o accionariado da empresa de que "na Galiza, à semelhança do que existe em Portugal, a Companhia dispõe de uma cadeia de abastecimento completa e integrada, com compra de madeira, arrendamento e compra de terras, alicerçada num sistema com três parques logísticos (dois marítimo-ferroviários) que permitem a expedição para Portugal, sobretudo por via ferroviária e marítima, esta última a partir dos portos galegos da Corunha e Ferrol".

É dicir, na Galiza posúe tres parques loxísticos: na Coruña, en Ferrol e na Susana-Santiago. Son puntos onde se entrega o eucalipto recollido nas 42 unidades de xestión que Navigator posúe por diferentes comarcas galegas. Desde esas plataformas envía a madeira ás factorías que a pasteira ten en Portugal.