Galiza fecha xaneiro con 400 mortos, logo de notificar a Xunta 40, a maior cifra comunicada na pandemia

Un traballador sanitario protexido contra a Covid-19. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O total de vítimas elévase a 1.815.

Galiza rexistra 40 falecidos máis con coronavirus, maior cifra comunicada na pandemia pola Consellería de Sanidade -correspondente a varios días-. Deste modo, o total de vítimas elévase até as 1.815.

Esta cifra de 40 falecidos supera os 36 mortos notificados o 1 de abril, en plena primeira vaga, a que até agora supuña o peor dato comunicado na crise sanitaria -tamén correspondente a varios días-.

De tal forma, Galiza fechou o primeiro mes deste ano 2021 con 400 defuncións con Covid-19, segundo os datos achegados pola Xunta.

As 40 mortes foron validadas por Saúde Pública esta segunda feira. Todos os falecidos contan con patoloxías previas. Do total, 14 están vencellados con residencias.

Os óbitos do 1 de febreiro, son nove (cinco de residencias): dúas persoas procedían da DomusVi Laraxe de Cabanas -un home de 63 anos e unha muller de 89 anos, ambos os falecidos no CHUF-. Unha muller de 77 anos faleceu na residencia para persoas con discapacidade Pai Menni de Betanzos e unha muller de 80 anos procedente da residencia de Vilardevós -falecida no hospital de Verín-.

A lista desta segunda feira complétase con: un home de 55 anos falecido no CHUO; un home de 81 anos e unha muller de 88 anos no CHOP; unha muller de 92 anos no CHUS; e un home de 84 anos no hospital comarcal de Verín.

Así mesmo, validáronse catro defuncións con Covid do 29 de xaneiro: Un home 83 anos (CHUS), muller de 87 anos (Chuvi), unha muller procedente da residencia San José de Arzúa (Cegadi) e un home de 75 anos (Hospital Quirón da Coruña).

Os correspondentes ao día 30 de xaneiro son dez (catro en residencia). Do día 31 de xaneiro son 17 defuncións (cinco de residencias).

A lista do día 31 complétase con cinco falecidos no Chuac.