Galiza fica cun único centro público (e só 14 prazas) para a reeducación de menores infractores

Centro de reeducación de Monteledo, en Ourense. (Foto: Fundación Diagrama).

A CIG denuncia a política de privatización da Xunta dos centros de reeducación de menores infractores, á que destina máis de 61 millóns de euros.

A Consellería de Política Social e Igualdade publicou no Diario Oficial da Galiza do pasado 11 de xuño a resolución do 28 de maio de 2024 pola que se publica a convocatoria, mediante procedemento de asignación de concerto social, para a selección da entidade privada sen ánimo de lucro que asumirá a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais no centro de reeducación de Concepción Arenal da Coruña.

Segundo explica a Nós Diario o educador social e voceiro da CIG-Administración Autonómica Xosé Lois Díaz, este anuncio acrecenta o afán de privatización por parte da Xunta da Galiza de servizos esenciais e moi sensíbeis que debera asumir a administración pública con recursos propios. O custo derivado da execución do concerto social, dotado dunha contía máxima de 11.431.017,97 euros para o período 2024-2028, contempla un prezo de 226,85 euros por praza e día. "Na mesma liña de privatización", sinala Díaz, a Xunta ven de adxudicar á madrileña Fundación Ginso, a xestión do centro de menores Monteledo e do centro terapéutico de Montefiz, ambos os dous en Ourense, por 50 millóns de euros durante oito anos.

"É a política que está a seguir a Xunta desde hai tempo, non é nada novo, pero nesta xeira de privatización o que chama a atención é o desmantelamento do único centro público de reeducación de menores que temos, o Avelino Montero de Pontevedra". Como apunta o educador a este xornal, este centro dispón "inicialmente" de catro fogares, dos cales só funcionan dous, e un total de 33 prazas, das cales só están dispoñíbeis 14.

Obriga pública

De acordo cos últimos datos actualizados a semana pasada pola CIG, o Avelino Montero conta a día de hoxe con 12 menores internos que, xunto aos seus educadores fan uso de dous módulos. "A Administración alega sempre que está en obras, pero o certo é que este ano a Xunta propuxo a amortización de tres prazas de persoal adscrito a ese centro. Cando un amortiza prazas está clara a mensaxe que quere dar".

Xosé Lois Díaz láiase do desleixo do Goberno galego, que mantén o único centro de reeducación de menores infractores de xestión integral pública "infradotado e infrautilizado" mentres destina máis de 61 millóns de euros á xestión privada dos outros tres centros da Galiza que comparten os mesmos obxectivos que o de Pontevedra: facer cumprir as medidas xudiciais impostas a persoas menores de idade que cometeron un delito e, a un tempo, favorecer a atención, formación e reinserción social e familiar da rapazada. "A Xunta segue a confiar en entidades privadas, supostamente sen ánimo de lucro, o coidado dos menores infractores, pero esta política tamén é extensíbel aos centros de menores tutelados. Levan anos apostando por unha xestión privada en detrimento dunha oferta pública minusvalorada".

A memoria de 2023 sobre de execución de medidas xudiciais en menores refire que o número total de prazas destinas nos catro centros de reeducación da Galiza foi de 125, só 14 públicas, cunha ocupación máxima en 2022 e 2023 de 81 prazas.

"A garda, custodia e reparación de menores infractores é un servizo de obriga pública no que a cualificación profesional é moi importante e no que o nivel de comunicación ou traballo interoperativo coa Fiscalía e cos servizos de menores ten que ser fluído e estar ben dotado. Ten que ser público", conclúe Díaz.