Galiza "fixo caixa" co aumento orzamentario en dependencia, segundo Xerentes en Servizos Sociais

Unha muller, peiteada pola súa coidadora. (Foto: Evrymmnt)
Con 1.073 euros por persoa, é o territorio do Estado que menos inviste en atención á dependencia.

A Galiza "fixo caixa" co aumento de orzamento para dependencia no marco do Plan de Choque (2020-2023) aprobado polo Goberno tras a pandemia sanitaria. Así se desprende dun estudo elaborado pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais, segundo o cal o Goberno de España aumentou, no período citado, a súa achega para a Dependencia nun 138% fronte a 9% do incremento das comunidades autónomas.

Galiza é a comunidade con menor porcentaxe de persoas atendidas sobre a poboación potencialmente dependente

Así, de todas as comunidades autónomas, tres diminuíron durante o citado Plan de Choque o gasto na atención a persoas en situación de dependencia: Castela e León (-34,7), a Galiza (-6,4) e Aragón (-3,2). A asociación cualifica de "especialmente cruentos os recortes" que se produciron na Galiza, a comunidade con menor porcentaxe de persoas atendidas sobre a poboación potencialmente dependente (16%) fronte a 23% de media estatal.

Galiza, ao final da cola

O estudo indica que, en 2023, o investimento público en Atención á Dependencia ascendeu a 11.522 millóns de euros: 8.230 millóns por parte das comunidades autónomas (71%) e 3.292 por parte do Goberno estatal (29%) e constata unha "acusada desigualdade territorial", onde as comunidades que máis invisten en dependencia por persoa potencialmente dependente e ano son Euskadi (2.848 euros), Estremadura (2.599 euros) e Navarra (2.413 euros). En Baleares, o investimento é de 2.031 euros; A Rioxa, 2.116 euros; Castela e León, 1.967 euros; Madrid, 1.921 euros; Andalucía, 1.888 euros; Castela-A Mancha, 1.876 euros e Comunitat Valenciana, 1.825 euros.

Por baixo da media dos 1.825 euros atópanse Cantabria con 1.700 euros; Catalnyña, con 1.649 euros; Asturias, con 1.604 euros; Aragón, con 1.536 euros; Murcia, con 1.504 euros; Canarias, con 1.248 euros e a Galiza, á cola, con 1.073 euros.

O incremento no financiamento achegado polo Estado mediante o plan de choque é utilizado por algunhas comunidades para retirar parte do seu financiamento

Segundo se desprende do informe, o peso relativo do financiamento autonómico fronte ao estatal entre o período comprendido entre 2015 e 2020 presentaba unha tendencia alcista que rompeu en 2021, "cando o incremento no financiamento achegado polo Estado mediante o plan de choque é utilizado por algunhas comunidades para retirar parte do seu financiamento".

As máis xenerosas en dependencia

Así, o peso das comunidades no financiamento caeu un 13% entre 2021 e 2023, mentres a Administración Xeral "reforza o financiamento do sistema". Estes recortes na achega dalgúns territorios "limitaron a capacidade de impacto dos fondos provenientes do plan de choque", segundo a entidade.

En canto ás comunidades que maior porcentaxe destinan dos seus propios orzamentos á atención á dependencia son Euskadi (83,9%); Navarra (80,8%) e Estremadura (78,2%). Mentres a media de financiamento autonómico descende até 71% para o conxunto do estado español, comunidades como A Rioxa (59%), Galiza (59,3%), Andalucía (62,3%) e Castela e León (63,2%) mantéñense afastados desta cifra.

Morrer esperando

Ante estes datos, a Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais puxo o foco, coincidindo coa maioría de idade da lei de Dependencia, no "incumprimento das Administracións Públicas que converteron dereitos subxectivos en dereitos efémeros e de papel".

Actualmente 292.792 persoas están nas listas de agarda e cada 15 minutos falece unha persoa no labirinto burocrático da Lei

"Trátase dunha política de interese da cidadanía, xa que nunha importante porcentaxe forma parte do ciclo natural da vida, e moitas persoas acabaremos estando en situación de dependencia", argumentan, á vez que lembran que actualmente 292.792 persoas están nas listas de agarda e que cada 15 minutos falece unha persoa no labirinto burocrático da Lei, esperando as prestacións que lles corresponden .

"Desgraciadamente, ás 45.360 persoas que faleceron o pasado ano, os orzamentos non lles chegaron a tempo", denunciou a entidade.