Galiza e a industria da burbulla
O xornalista Santiago Garrido afirmou nun chío que Galiza, definitivamente, “foi un planeta gasoso”. Unha enquisa breve, de pouco valor estatístico, coa pregunta “que gasosas galegas se bebían na casa?” devolve as seguintes respostas: “Troncoso de toda a vida!” en Ourense, “A Revoltosa” en Padrón, “Espiña, Feijoo e A Nosa” en Negreira e “sempre Pitusa!” por Rois. Dende Palmeira conta Carmen que cando vivía en San Pedro, a súa aldea natal, tomaba as gasosas “Abelleira”, fabricadas en Ribeira. Logo de deixar o fogar familiar, na súa actual casa pasouse a “Teimar”, marca local. Hoxe confórmase coa gasosa do supermercado, “Teimar” e “Abelleira” hai tempo que pecharon a billa e as portas.
Nos 60 Galiza viviu o apoxeo da industria da burbulla, cuxo percorrido comezara o século anterior. Bares e fogares afiliáronse a esta bebida refrescante, empregada moitas veces para alixeirar o viño da casa. Preguntar a alguén pola súa gasosa de cabeceira podía ser tan indicativo da súa procedencia como inquirir “e ti, de quen vés sendo?”. A maior parte das marcas locais desapareceron; outras, como “Feijoo” e “A Nosa”, resisten á beira de “La Casera”. Dan fe dende Cuntis, onde algunha casa conserva o frigorífico ateigado de pequenas botellas da “Feijoo”. Na Galiza hai quen, teimudo e entusiasta, reivindica pór en valor ese anaco do patrimonio industrial galego.
“Hoxe bebemos Kas ou Fanta, pero iso xa o facían nas aldeas, eran as gasosas de sabores”, expón Juan C. Villar
En Coristanco, a asociación Gaseosas de Galicia, presidida por Juan Carlos Villar, custodia unha colección de botellas de gasosa procedentes de todo o país. El leva dende o 2005 investigando a industria, chegando a catalogar até 600 fabricantes únicos no país. Comeza o seu relato a Sermos Galiza remontándose aos primeiros produtores: “Os primeirísimos, de 1870, eran xente rica que non vivía só da gasosa”.
Os primeirísimos
O xornal El Correo Gallego anunciaba, en 1881, o “premio á Fábrica de Auga de Seltz e Gasosa nas exposicións de Pontevedra e Lugo”. A bebida desta factoría era á vez “unha medicina para as enfermidades biliosas, o escorbuto” e “refrixerante e diurética”. A nota recomendaba mesturala con viño: “Daralle un gusto particular que a fai agradábel, excita a xovialidade e mantén a intelixencia pura e sa”. En 1897 un xornal compostelán anunciaba a “magnífica instalación para gasosas” que don Constantino Nogueira levara a cabo no “elegante” café Iberia.
Ambas notas exemplifican o status da gasosa no país o pasado século: bebida medicinal e de consumo nos cafés das clases máis adiñeiradas. A primeira fábrica de gasosas do país abriu as súas portas en Santiago de Compostela en 1874. En 1880 fixo o propio Gaseosas Suárez, unha das primeiras factorías en instalarse no polígono do Tambre. “Na Coruña, as primeiras fábricas abríronas persoas estranxeiras: un francés, un alemán, un italiano”, conta Villar. O consumo era reducido: “Xunto ao crecemento do ocio chegan estas bebidas. Na Coruña, o quiosco Alfonso contaba cunha máquina propia para abastecer a clientela, que pertencía a esa clase burguesa que despuntaba. En Vigo tamén se instalaron varias”.
A receita da gasosa, a maiores da auga con ácido carbónico, comezou a incluír esencias de sabores. Un anuncio do xornal El Áncora, diario católico de Pontevedra de 1901, promocionaba as bebidas da Fábrica de Gasosas de Saturnino Paz Martínez, sabor amorodo, laranxa, piña, framboesa ou grosella “a sete reais a ducia”. As fábricas estaban tamén ligadas á produción de xeo ou de cervexa. “Contáronme que cando Estrella Galicia comezou non tiña capacidade de distribución, eran os gasoseiros quen a facían nos seus camións”, di Villar.
[Podes ler a peza íntegra no número 364 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]