Galiza lembra a Nakba perto de Palestina mentres Israel "perpetra unha obvia operación de limpeza étnica"

Acción de protesta na praza de Praterías de Santiago, esta cuarta feira. (Foto: Arxina)
No 76 aniversario da expulsión de centos de miles de palestinos das súas terras, durante a creación do Estado de Israel en 1948, a Galiza saíu á rúa para expresar o seu apoio a Palestina e exixir, dunha vez, o fin da complicidade occidental co sionismo. A Coruña, Vigo e Compostela acolleron os actos centrais de solidariedade.

Al Nakba é o nome, en árabe, co que se coñece a expulsión masiva e violenta de 78% da poboación palestina dos seus territorios en 1948, coincidindo co nacemento do Estado de Israel. Esta catástrofe, calamidade ou desastre supuxo o inicio dun proceso de desposesión de terras, demolición de fogares e construción de asentamentos ilegais que 76 anos despois continúa, nun contexto de violencia agravado pola ofensiva de Israel contra a poboación palestina na Faixa de Gaza e polos ataques continuados do exército en Cisxordania.

Fin do xenocidio

A Galiza sumouse esta cuarta feira á conmemoración da Nakba con diferentes accións solidarias. A praza de Praterías, en Compostela, acolleu un acto simbólico promovido pola Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina, integrada pola Asociación Galaico-Árabe Jenín, Galiza Por Palestina e Mar de Lumes. Unha gran bandeira palestina presidiu a concentración de varias ducias de persoas que condenaron o xenocidio do pobo palestino, así como o uso indiscriminado "da fame e da sede como armas de guerra e destrución".

 

Seis vultos tendidos no medio da praza, inertes e cubertos por un plástico branco, lembraron as 35.000 persoas, 17.000 crianzas, asasinadas en Gaza polo exército de Israel. "Estamos diante do que moitas consideran a Segunda Nakba", salientou a organización durante a lectura dun manifesto que afondou na reprobación do Estado sionista e dos seus aliados. "A Faixa sofre un proceso de destrución nunca antes visto. Os bombardeos e as accións militares deixan máis de 75.000 persoas feridas e 1,4 millóns de desprazadas, que agora Israel tamén ameaza con arrasar", engadiu.

Na súa declaración, as entidades solidarias censuraron a impunidade coa que avanza "o terror sionista" ante a indiferenza da comunidade internacional. "O Goberno de Israel está a perpetrar manobras de desprazamento forzoso da poboación de zonas estratéxicas de Gaza nunha obvia operación de limpeza étnica", sinalaron, ante "a pasividade e a noxenta complicidade de quen nos goberna, desde a Xunta da Galiza, até o Goberno español e a Unión Europea".

 As organizacións galegas de solidariedade con Palestina volveron exixir o fin do xenocidio, como fixeron en máis de 300 mobilizacións no último medio ano e ás que agora se suma con forza a da mocidade e o estudantado universitario, unha iniciativa que "celebran con especial emoción". Agora reclaman o mesmo compromiso ás forzas políticas do Parlamento Galego, a quen presentaron unha Declaración Institucional "como a de 2014, que recoñeza os dereitos do pobo palestino e condene sen paliativos o xenocidio en marcha".

Acto simbólico no Hórreo

Os deputados e deputadas do BNG apoiaron hoxe o pobo palestino no Parlamento. (Foto: Nós Diario)

Neste sentido, o grupo parlamentario do BNG realizou esta cuarta feira na Cámara galega unha acción simbólica de apoio ao pobo palestino. As deputadas e deputados do Bloque, algunhas con panos palestinos ao pescozo, como a vicepresidenta segunda da Mesa, Montse Prado, exhibiron cadanseu cartel coa bandeira palestina e a lenda: "Stop xenocidio en Gaza. Palestina Libre", que luciron despois nos seus escanos durante a segunda xornada do pleno do Parlamento.

15 de maio, a sociedade civil galega reivindica a resistencia do pobo palestino

Alumnado da USC amenceu no 76 aniversario da Nakba na facultade de Xeografía e Historia. A Asemblea Aberta de Compostela continúa a dar pasos na defensa de Palestina e do seu pobo, que esta cuarta feira conmemorou a 'catástrofe' de 1948. Na Pobra do Brollón (Terra de Lemos) o portavoz de Mar de Lumes e especialista en Oriente Medio, Óscar Valadares, impartiu unha charla titulada 'De Nakba á invasión de Rafah' durante a cal ofreceu contexto sobre a actual ofensiva israelí.

Acampada na Facultade de Historia da USC. (Foto: Nós Diario)