Galiza mantense en niveis de récord de contaxios: 682 en 24 horas

Farmacia (Arxina)
A cifra de falecidos é 882. Descenden a 454 as persoas hospitalizadas con Covid na Galiza, se ben soben a 62 os pacientes críticos.

Os positivos confirmados por Covid-19 nas últimas 24 horas na Galiza subiron a 682, deles 172 na área sanitaria de Vigo -que se sitúa á cabeza con maior número de casos activos tamén- e 100 na da Coruña e Cee.

Por áreas sanitarias, na de Ourense rexistráronse 89 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas; na de Santiago e Barbanza, 86; outros 83 na de Pontevedra e O Salnés; 80 na de Ferrol e 72 na de Lugo.

Así se reflicte nos datos actualizados na mañá de hoxe na web da Consellería de Sanidade con cifras até as 18:00 horas desta terza feira, nas que se constata que esta segunda onda rexistra as cifras máis elevadas de contaxios da pandemia na Galiza en canto a positivos confirmados por PCR en 24 horas.

Descenden a 454 as persoas hospitalizadas con Covid na Galiza, se ben soben a 62 os pacientes críticos.

En concreto, esta terza detectáronse 525 positivos confirmados por PCR; tras os 687 do sábado 24 de outubro, os 603 da segunda feira pasada e os 597 do domingo 25. Na primeira, o volume maior corresponde ao 29 de marzo, con 516.

Casos activos

En canto aos casos activos, a área sanitaria de Vigo sitúase á cabeza, con 1.502, despois de sumar 144 máis con respecto a onte; seguida da de Ourense, con 1.414 -nove menos-, que é a única na que descenden na Galiza.

Mentres, a área da Coruña colócase con 1.285 casos activos -84 máis-; a de Santiago e Barbanza conta con 1.186 -58 máis-; a de Pontevedra e O Salnés, con 785 -58 máis-; Lugo, con 743 -52 máis- e a de Ferrol ten 620 -74 máis-.

Até a data realizáronse 654.482 PCR fronte ás 646.233 contabilizadas na xornada pasada.

Pola súa banda, os falecidos con Covid-19 na Galiza ascenden a 882, despois de que as autoridades sanitarias notificasen onte o falecemento de dous homes con Covid-19.