"Galiza é unha nación queer, tamén no rural"

Unhas xornadas que decorrerán en Compostela os días 24, 25, 26 e 27 de maio falarán de coeducación e diversidades desde unha óptica que sitúa as diversidades e o territorio no centro do debate.

A esmorga de Eduardo Blanco Amor, o casamento en 1061 de Pedro Díaz e Muño Vandilaz en Rairiz da Veiga ou o travestismo na historia de Marcela e Elisa, o primeiro casal lésbico na Galiza, son algunhas das pegadas que a loita polos dereitos dunha sexualidade diversa foi deixando na historia do país. Porén, fixo falta que nos últimos anos fosen resgatadas para rachar coa idea de que Galiza non fai parte da vangarda do movemento transfeminista, menos aínda se pensamos no rural. 

"Queremos desmitificar o rural e a idea de que o máis vangardista está fóra"

Desde esta premisa, a de "desmitificar o rural" e a "idea de que o máis queer está en Londres ou nos EUA" xurden as I Xornadas sobre Coeducación rural e diversidades coordenadas por Ángel Amaro, e Isabel Álvarez xunto con Nova Escola Galega. Un conxunto de actividades que terán lugar en Compostela os días 24, 25, 26 e 27 de maio. 

Através de distintas dinámicas e dunha metodoloxía que procura a participación activa das persoas e colectivos que queiran achegarse até o CERSIA, o obxectivo das xornadas é "rachar cos tópicos do rural" que o conciben como un espazo "homófobo" e "atrasado" para o situar como un medio "diverso", moderno e vangardista desde o que "reformular a co-educación" e "pór en dialéctica o xénero, os afectos, as sexualidades" e tamén o binomio "rural-urbano", explica Ángel Amaro, en conversa con Sermos Galiza. 

A iniciativa vai dirixida principalmente a aquelas persoas que están vencelladas "en espazos formais ou non formais" coa tarefa educativa, colectivos ou cooperativas, mais tamén "ao conxunto da sociedade", di, en tanto en canto todas as persoas educan dunha ou doutra maneira. Nese senso, visan, "adaptar cousas moi teóricas" como a teoría queer, "á realidade cotiá, de maneira amena" pois, sinala, "ás veces vese como unha focaxe moi complexa" cando, de facto, "Galiza é unha nación queer". 

O estraño, o diverso

E que é iso? "O movemento queer nace como unha estratexia identitaria de autodefensa fronte á invisibilidade do que non é heteronormativo". Consistiu na "reapropiación do insulto" --queer significa raro, estraño-- "para o lanzar ao agresor con toda a súa forza". Puta, bollera ou marica pasan de ser termos despreciativos para seren reivindicados polos propios colectivos como identidade. "Galiza é moi retranqueira, a nivel identitario é moi queer", asegura apelando ás "esmorgas e fiadeiros". 

"Queremos vivenciar e darlle voz a todo isto" para "decatarnos de que a sexualidade é un espazo de resistencia"

"Queremos vivenciar e darlle voz a todo isto" para "decatarnos de que a sexualidade é un espazo de resistencia". "Queremos pór en común esta materia e rachar cos tópicos" mesmo a respeito da propia diversidade. Neste senso, Amaro asegura que se está a crear un cánon do que é gai. Homes, brancos, urbanos, con poder adquisitivo e capacidade de consumo que viaxan a Madrid ao Orgullo oficial... é o que define como 'modelo Mediaset', en referencia á canle de televisión. "Onde queda o resto? ficamos como algo exótico ou raro". "Estase a dar un modelo oficial do gai, da lesbiana", advirte e mesmo a usar as identidades sexuais como unha arma para "destruír ou atacar". É o que se coñece como pinkwashing, por exemplo, resorts situados nos territorios ocupados ilegalmente polo Estado de Israel en Palestina dirixidos ao colectivo gai, "mentres se bombardea Gaza", apunta. 

Desde a "intersección" que mestura as distintas identidades xerando outras novas as xornadas 'Constuíndo igualdade nas nosas aldeas' quere repensar a "coeducación desde unha óptica rural" para defender a idea de que "o rural tamén pode ser vangarda".