Galiza Nova lembrou cunha performance as mulleres asasinadas pola violencia machista

A Asemblea de Mulleres da organización xuvenil do BNG lembrou as 5 mulleres que foron asasinadas no Estado español nas últimas 48 horas e denunciou a inacción dos gobernos español e galego perante a violencia machista. Vídeo no interior.

 

A organización xuvenil Galiza Nova desenvolveu esta quinta feira na praza do Toural (Compostela) unha acción simbólica para denunciar 5 novos casos de violencia machista no Estado español. Con elas, suman xa 658 as mulleres asasinadas na última década. 

En 10 anos foron asasinadas no Estado español 658 mulleres

Baixo o lema 'Revírate contra a violencia machista', desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova debuxaron 5 siluetas no chan da céntrica praza compostelá para denunciar "todo tipo de violencia exercida contra as mulleres" e condenaren, sinalan, "as políticas retrógradas do goberno que están a situar a crise como escusa para xustificar o desmantelamento de todos os avanzos" conseguidos a prol dos dereitos das mulleres.