O Sergas realizou 36% das eutanasias pedidas e 28% das persoas solicitantes faleceu antes de concluír o proceso

A Lei da eutanasia entrou en vigor en xuño de 2021. (Foto: David Pereiras).

Un total de 27 persoas recibiron asistencia para morrer no Sergas desde que entrou en vigor a lei, segundo un informe até o fin de 2023 do propio Servizo Galego de Saúde

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) levou a cabo 27 eutanasias, 36% das 75 solicitadas, entre os anos 2021 e 2023. Con todo, outros 21 pacientes que se acolleron a este procedemento, 28%, morreron antes de que concluíse.

Así figura nun informe publicado pola Consellaría de Sanidade sobre os primeiros dous anos e medio de aplicación da lei estatal, desde a súa entrada en vigor o 25 de xuño de 2021. Esta terza feira, a Asociación Dereito a Morrer Dignamente sinalara a Galiza como unha das autonomías que non publicaba datos sobre a aplicación desta norma.

Neste período, recibíronse un total de 75 solicitudes e constatouse unha "tendencia crecente": 10 correspóndense ao 2021 -a lei entrou en vigor o 25 de xuño, fai tres anos-, 28 ao 2022 e outras 37 ao 2023. En canto ao perfil do paciente que pide asistencia para morrer, os datos do 2023 sinalan como 59,5% son homes, fronte a 40,5% de mulleres. A idade media dos solicitantes foi de 65,7 anos, aínda que a persoa máis nova tiña 22 e a máis maior, 96.

Case a metade dos pacientes que solicitaron o proceso (45,9%) contaba cunha enfermidade neurolóxica, mentres que outro 37,8% tiña un cancro.

Así, levaron a cabo 27 mortes asistidas na Galiza -36% das peticións- neses dous anos e medio de aplicación da lei, tamén cun crecemento progresivo: dous en 2021, oito en 2022 e outras 17 en 2023. Na Galiza, o tempo medio desde a primeira solicitude e ata que leva a cabo é de 57,1 días. O informe do Sergas destaca que, no ano 2023, a porcentaxe de mortes asistidas realizadas subiu até 45,9%, mentres que a nivel estatal foi de 50%.

Así mesmo, o Sergas denegou 11 solicitudes: dous en 2021, tres en 2022 e o seis restantes en 2023. Outras 11 persoas pediron revogar o proceso.As mortes no medio do procedemento foron 21, case un terzo do total de solicitudes. Por anos, faleceron dous en 2021 (20%), seis en 2022 (21,4%) e 13 en 2023 (35,1%).

Datos por áreas sanitarias

Se se observan os datos de execución de eutanasia por áreas sanitarias, a de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras lidera o ranking con 80% dos procedementos levados a cabo. En concreto, oito pacientes dos 10 solicitantes puideron morrer con asistencia. Tras esta, atópanse as áreas de Lugo-A Mariña-Monforte, onde recibiron a eutanasia cinco dun total de 13 solicitantes (38%); e a da Coruña-Cee, onde finalizaron o proceso sete de 20 (35%).

Con 25% empatan Vigo -catro eutanasias das 25 que se pediron-- e Santiago-Barbanza --dúas de oito-, mentres que en Ferrol só se finalizou unha de oito solicitudes (12,5%). En Pontevedra-O Salnés, mentres tanto, ningún paciente pediu asistencia para morrer até finalizar o 2023.

Isabel Blanco, Dereito a Morrer Dignamente: “Fai falla máis información e máis formación”

Isabel Blanco, xinecóloga xubilada é presidenta de Dereito a Morrer Dignamente (DMD) na Galiza. En conversa con Nós Diario incide na necesidade de “máis información e formación” a respecto da eutanasia, tanto para a sociedade en xeral como tamén para os propios profesionais sanitarios. “Estamos falando dun dereito, do dereito a decidir sobre a túa vida e do dereito a decidir de como queres morrer”, salienta.

Apunta que desde a aprobación da lei na Galiza desenvolvéronse “7 ou 8 protocolos” que foron mellorando a norma inicial. Mais apunta a que “hai marxe de mellora”, citando aspectos como a promoción do testamento vital ou facilitar todos os aspectos relacionados coa tramitación do dereito a morrer dignamente. “Hai que mellorar neste tema, hai que ver que é o que está pasando e hai que lograr reducir ese número de persoas que falecen antes de concluír o proceso”.