Galiza consolida a redución da incidencia da Covid en todas as áreas sanitarias

Varias persoas pasean polas rúas de Cambados. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
Os casos activos de Covid-19 seguen en descenso e baixan a 15.546. Minguan tamén os pacientes hospitalizados, que se reducen a 317, once menos que o día anterior. Mentres, os novos contaxios mantéñense por baixo do milleiro desde o inicio da semana, pero ascenden lixeiramente a 766.

Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade esta quinta feira con rexistros de até as 18 horas da cuarta, as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI descenden a 51 -dúas menos- e as hospitalizadas noutras unidades baixan a 266 -nove menos-.

Con estas cifras, Galiza mantén en centros sanitarios 15 doentes cunha PCR positiva máis que hai unha semana. Pola súa banda, 15.229 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente na da Coruña, onde hai 18 pacientes Covid en UCI -un máis- e 76 ingresados noutras unidades -un máis-; e na de Ourense, na que seguen catro en críticos e soben a 34 os hospitalizados noutras unidades -un máis-. No resto, a presión asistencial descende.

Menos casos activos

Os casos activos de Covid-19 descenden por sétima xornada consecutiva até os 15.546, o que supón 560 menos que o día anterior. Con respecto a hai unha semana, Galiza conta con 3.097 casos activos de Covid-19 menos que o pasado 5 de agosto.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden en todas: Vigo (-157), Santiago (-96), Lugo (-82), Pontevedra (-82), A Coruña (-75), Ourense (-56) e Ferrol (-12).

Así, a área da Coruña mantense á cabeza con 4.504 infeccións activas, seguida da de Vigo, con 3.810; Pontevedra, con 1.825; Lugo, con 1.676; Santiago, con 1.614; Ourense, con 1.120, e Ferrol, a única por baixo do milleiro, con 997.

Novos positivos

Os novos contaxios de Covid-19 continúan por cuarto día seguido por baixo do millar aínda que aumentan lixeiramente a 766 a respecto dos notificados a xornada anterior. Con todo, suman 344 menos que hai unha semana.

Do total rexistrado polo Sergas, A Coruña anota 230 novos contaxios; Vigo, 188; Pontevedra, 101; Santiago, 68; Lugo, 66; Ferrol, 59, e Ourense, 54

Incidencia acumulada

A taxa de positividade mantense por riba de 10% lonxe do limiar recomendado pola OMS para dar por controlada a pandemia, de 5%.

Porén, a evolución da incidencia da mostras de mellora. Redúcese en todas as áreas sanitarias a 7 e 14 días e polo tanto no conxunto do territorio, para situarse na controna dos 227 casos por 100.000 habitantes a 7 días e dos 508 a 14.

Ourense, Lugo e Ferrol melloran eses valores; Pontevedra, achégase aos rexistros da media galega mentres que Vigo, e sobre todo A Coruña superan esa cota, con perto de 370 e 700 casos a sete e 14 días.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza ascenden a 2.504 despois de notificar Sanidade outras cinco vítimas mortais.