Galiza rexistra 2.798 casos activos de Covid-19, tras sumar 218 máis

Dúas sanitarias preparan probas PCR en Monforte de Lemos (Imaxe: Europa Press).

O número de casos activos de COVID na Galiza segue en aumento esta cuarta feira, con 218 máis, e elévanse a 2.798, despois de incrementarse os contaxios en todas as áreas, salvo na de Ferrol, que descenderon en tres.

Así se reflicte nos datos actualizados pola Consellería de Sanidade, que indican que do total de pacientes positivos, 13 seguen en UCI -igual que onte-, 84 atópanse en unidades de hospitalización convencional -11 máis-, e 2.701 en seguimento domiciliario -207 máis respecto da xornada anterior-.

Dos 2.798 casos activos, 1.275 corresponden á área da Coruña e Cee -35 máis que este martes-; 441 á de Lugo -89 máis-; 382 á de Santiago -53 máis- 177 á de Vigo -sete máis-, 165 á de Pontevedra e O Salnés -18 máis-; 243 á de Ourense -19 máis-; e 115 á de Ferrol -tres menos-.

Así mesmo, Sanidade sinalou que, até o momento, curáronse 12.086 persoas, 67 máis que a xornada pasada. Desde o inicio da pandemia morreron coa Covid-19 na Galiza 633 persoas, das que 278 eran usuarias de centros residenciais, segundo datos da Xunta, pois as plataformas de familiares de residentes denuncian que as cifras son maiores e advirten da falta de transparencia. Destas últimas, 134 afectadas faleceron dentro de centros xeriátricos.

Do total de 2.798 casos activos na Galiza, 138 están vinculados a centros residenciais, en relación a 99 usuarias e 39 traballadoras.

O número de PCR realizadas até a data ascende a 312.766 fronte ás 308.162 rexistradas até onte, segundo os datos difundidos por Sanidade.