595 persoas continúan ingresadas nos hospitais galegos

Galiza rexistra 67.461 casos activos de coronavirus

Unha sanitaria nunha UCI das Balears. (Foto: Clara Margais / DPA)

A variante “silenciosa” de Ómicron non se deixa notar aínda nos contaxios porén o número de casos activos continúa moi alto. Segundo os dados ofrecidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, o número de doentes suma 67.461 persoas en todo o país.

O número de positivos por coronavirus diminúe en relación a onte. Se na pasada xornada os infectados acadaban 68.419 persoas, cun incremento de 6.362 nas últimas 24 horas, o seu número ten minguado en 958 entre os dados da sexta feira e do sábado.

A presión hospitalaria continúa estabilizada. Así, as autoridades sanitarias confirman 40 doentes ingresados nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) da rede hospitalaria galega, catro menos que onte, e 595 internados nas diferentes unidades de hospitalización das sete áreas sanitarias, representando 1 positivo menos que na xornada anterior.

Vigo lidera os casos activos

A área sanitaria de Vigo sitúase á cabeza dos casos activos con 17.617 doentes, colocándose a continuación a área sanitaria de da Coruña-Cee con 14.641 e seguíndoa a área sanitaria de Santiago-A Barbanza con 10.656.

Os postos de cola están ocupados pola área sanitaria de Ferrol con 3.213 casos activos, a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras con 6.843, á area sanitaria de Lugo, A Mariña, Monforte con 6.900 e a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés con 7.591.

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da  Xunta da Galiza aconsellan á poboación adoptar as medidas de protección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

A Xunta chama a extremar precaucións

As autoridades sanitarias chaman a extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano, preferentemente desbotábel. Neste sentido recomendan evitar  tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans

A Consellaría de Sanidade considera importante “procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións” e chama a manter “a distancia de seguridade e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello”.