Os contaxios increméntanse nesta primeira semana de novembro

Galiza rexistra 692 casos activos de coronavirus

Unha muller recibe a terceira dose nunha residencia de maiores. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Os acasos activos de coronavirus contúan subindo ao longo desta primeira semana de novembro.

Os indicadores da pandemia non deixan de subir nesta primeira semana de novembro. Segundo os dados achegados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 692

A maioría dos positivos concéntranse na área sanitaria da Coruña con 181, seguido de Ourense 171, de Vigo con 93, de Compostela con 74, de Pontevedra con 61, de Ferrol con 59 e de Lugo con 53

A Consellaría de Sanidade sinala que 7 están en UCI, 27 en unidades de hospitalización e 658 no domicilio. Ao tempo, lembra que hai un total de 180.257 persoas curadas, rexistrándose 2.653 falecementos desde o comezo da pandemia.

Os responsábeis da Xunta da Galiza destacan que se “continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos da Galiza”.

A Dirección Xeral de Saúde Pública reclama da poboación a continuidade das medidas de prevención e vixilancia, nunha semana que os casos activos teñen aumentado de deito considerábel no conxunto do país.

Máis mortes que en 2020

Os dados deste sábado chegan tras facer público o Instituto Nacional de Estatística (INE) que Galiza rexistra 218 mortes máis até o 18 de outubro deste ano que no mesmo período de 2020 e 1.339 máis que no de 2019, ano anterior á pandemia.

Segundo o INE, as mortes en 2022 ascenden a 26.281, liderando a alza as comarcas coruñesas cun incremento de 8,32% e minguando nas terras ourensás, luguesas e pontevedresas. A tendencia global da Galiza contrasta coa estatal, onde descende a letalidade en 7,07%.