A Galiza rexistra este ano seis casos de variola do mono e detectou 130 desde 2022

A mostra da varíola do mono secuenciada. (Foto: Europa Press)
Segundo o informe difundido polo Instituto de Saúde Carlos III, a enfermidade está a experimentar unha leve repunta na Galiza.

A Galiza foi unha das nove comunidades que detectaron casos de variola do mono este ano 2024, un total de 6, e acumula 130 notificacións desde que en 2022 se iniciase a aparición desta enfermidade no Estado español.

Segundo o informe difundido polo Instituto de Saúde Carlos III, a enfermidade está a experimentar unha leve repunta na Galiza, tendo en conta que ao longo de todo o ano 2023 notificáronse 2 casos e até xullo xa foron 6. Con todo, precisa, ningún destes casos detectáronse en xuño e xullo, se non que corresponden á primeira metade de 2024. En 2022 notificáronse 122.

O Estado rexistrou un total de 8.084 casos de variola do mono (mpox, polas súas siglas en inglés) desde 2022, sendo o país europeo con máis incidencia, seguido por Francia (4.272) e Reino Unido (3.866), segundo o último informe do Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades, con datos actualizados en xullo.

Este ano xa se contabilizan un total de 260 novas infeccións de mpox en nove comunidades do Estado, case a metade en Madrid, con 118 casos (45,4%).

Por sexos, en 2024 declaráronse un total de 242 casos en homes e 5 mulleres. A idade oscila entre 6 e 68 anos, cunha mediana de idade de 37 anos. 62,8 % dos casos tiña entre 30 e 49 anos e a maioría dos casos naceran no Estado.

Un total de 189 (76,5%) presentaron algunha sintomatoloxía xeral ao longo do seu proceso clínico (febre, astenia, dor de garganta, dor muscular ou cefalea), sendo a febre a máis frecuente (61,1%). 117 casos (47,4%) presentaron linfadenopatías localizadas e sete (2,8%) xeneralizadas. O exantema localizouse na zona anoxenital en 188 casos (76,1%), na zona oral-bucal en 43 casos (17,4%) e en 132 (53,4%) noutras localizacións.

Até 27 pacientes (13% dos casos con información) presentaron complicacións ao longo do seu proceso clínico (infección bacteriana secundaria (11 casos), ulcera bucal (7 casos), infección corneal (4 casos) e 4 casos con outras complicacións.

Houbo doce hospitalizacións (4,9%). Todos eles foron homes, cunha mediana de idade de 30,5 anos. Nos sete casos nos que a data de alta está dispoñíbel, a estancia mediana no hospital foi de 5 días.

Dos 213 casos con información, trinta e cinco (16,4%) reportaron un contacto estreito cun caso probábel ou confirmado. 28 casos referiron antecedente de viaxe nos 21 días previos á data de inicio de síntomas, aínda que só 6 foron clasificados como casos importados. Ademais, detectouse un brote familiar con afectación de tres membros da familia, pero ningún deles requiriu hospitalización.

O mecanismo de transmisión máis probábel atribuíuse a un contacto estreito no contexto dunha relación sexual en 196 casos (79,4%), en doce casos foi debido a un contacto estreito nun contexto non sexual (4,9%) e en 39 casos esta información non estaba dispoñible (15,8%).