Galiza rexistra o seu terceiro falecemento polo coronavirus e o número de casos ascende a 245

[Imaxe: Galipedia] Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Nove dos casos positivos permanecen na UCI.

Terceira vítima do coronavirus na Galiza. Nun primerio momento recollemos o avance da Radio Galega que sinalaba que esta vítima era a persoa que representou o primeiro caso de coronavirus rexistrado na Galiza. Mais ese dado é erróneo. 

A persoa falecida, de 45 anos de idade, non é pois a persoa que foi o primeiro caso rexistrado na Galiza. O falecido estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) e tiña "moita patoloxía previa".

A segunda morte en Galiza foi a dun home de 81 anos con diversas patoloxías, ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra, mentres que a primeira vítima mortal no noso país foi unha muller de 92 anos con múltiples patoloxías previas ingresada en Povisa.

Galiza suma xa 245 casos de coronavirus (datos do Ministerio, 239 segundo o Sergas) fronte aos 189 contabilizados este domingo: 80 son da área da Coruña, 16 da de Lugo, 28 da de Ourense, 26 da de Pontevedra, 46 da área de Vigo, 37 da de Santiago, e 6 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 9 permanecen en UCI.

Confirmados mil casos más no Estado español: hai 8.700 positivos e 297 mortos