Galiza rexistra xa 1.400 casos activos, o duplo que hai unha semana

(Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O aumento de casos activos nas últimas 24 horas é de 118. Hai 12 casos nas residencias. 

Os casos activos rexistrados na Galiza son 1.400, o que supón 118 máis a respecto de onte domingo e un aumento de 100% en relación á segunda feira da semana pasada, 10 de agosto. En apenas unha semana pasamos de 670 casos activos a 1.400.

A área sanitaria da Coruña continúa a ser a máis afectada, estando nela 60% do total de casos rexistrados na Galiza: 851 de 1.400. Dos 118 casos activos rexistrados desde onte, 73 foron nesa área.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus Galiza é de 1.400.

Deles 851 son da área da Coruña (+73), 110 da de Lugo (mantense sen variacións), 114 da de Ourense (+20), 70 da de Pontevedra (+10), 139 da área de Vigo (+3), 63 da de Santiago (+8), e 53 da de Ferrol (+2).

Do total de pacientes positivos, 5 permanecen en UCI, 57 en unidades de hospitalización e 1.338 no domicilio.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 11.608 persoas curadas, rexistrándose 625 falecementos. 

O número de PCR realizadas é de 282.103.

Residencias

No que atinxe ás residencias, nesta semana houbo un aumento importante. Se hai unha semana había 5 casos activos - dos que 3 corresponden a persoas usuarias e 2 a traballadores.

A día de hoxe o número de persoas afectadas nas residencias é 12, das cales 8 son persoas usuarias e 4 traballadores e traballadoras.