Galiza abeira os 800 casos activos tras 74 novos contaxios

Test rápido coronavirus (Europa Press).

A taxa de positividade ascende até 2,19% e permanecen ingresadas 39 persoas

Os casos activos aumentan na Galiza até os 798 tras producirse un ascenso no número de novos contaxios, un total de 74. Deste xeito, supoñen 53 máis que a xornada anterior e 268 máis que hai unha semana. Pola súa banda, a taxa de positividade tamén sobe e alcanza o 2,19%.

Así o sinalan os datos actualizados na mañá desta terza feira pola Consellaría de Sanidade, que reflicten tamén un ascenso a 10 nas persoas ingresadas en UCI pola Covid -un máis-, mentres que descenden a 29 aquelas hospitalizadas noutras unidades -unha menos-. Os 759 pacientes restantes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta nas de Ourense, con dous ingresados en críticos -un máis- e oito noutras unidades -un máis-; nas de Santiago-Barbanza, que suma un máis noutras unidades; e nas de Pontevedra-O Salnés, que despois de varias xornadas sen ingresados conta cun en planta.

Pola contra, alíviase nas de Coruña-Cee, Lugo e Ferrol e mantense sen cambios nas de Vigo, que segue con dous pacientes Covid en UCI e dúas noutras unidades.

Aumento nos casos activos

Por novena xornada consecutiva, os casos activos aumentan na Galiza até situarse nos 798, cun incremento de 268 máis que hai unha semana. Ademais, supoñen 53 infeccións máis que o día anterior, ao producirse máis contaxios (74) que altas (19).

En concreto, os casos activos soben nas sete áreas sanitarias: Vigo (+15), Ourense (+11), Lugo (+9), Santiago e Barbanza (+6), Ferrol (+6), Coruña e Cee (+5) e Pontevedra e O Salnés (+1). Polo tanto, a área da Coruña e Cee continúa á cabeza con 200 casos activos, seguida moi de preto pola de Ourense, con 195.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, ascende ao 2,19% tras arrincar esta semana cunha caída ao 1,56%.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid dende o inicio desta pandemia na Galiza sitúanse nas 2.655, despois de que a Consellaría de Sanidade notificase esta segunda feira dous novos falecementos.