Galiza é a segunda comunidade do Estado que menos inviste en Atención Primaria

A Galiza e Madrid son as comunidades que menos invisten en Atención Primaria. (Imaxe: Nós Diario).

O investimento da Xunta da Galiza en Atención Primaria está 13,1 puntos por baixo das recomendación da OMS e é 2,2 puntos inferior á media estatal. A falta de recursos suficientes está a provocar un deterioro da calidade asistencial no primeiro nivel sanitario, denuncian profesionais e usuarias.

A Estatística de Gasto Sanitario do Ministerio de Sanidade volve situar un ano máis Galiza á cola do Estado en investimento sanitario. O documento que vén de publicar o Goberno español analiza os recursos destinados polas Administracións públicas competentes na materia ao mantemento do sistema de saúde en 2022, último ano con cifras. O relatorio está considerado como o informe de referencia para coñecer as magnitudes financeiras do sistema sanitario e elabórase cunha metodoloxía semellante para todos os Estados da Unión Europea, tomando como referencia a última liquidación orzamentaria fechada, neste caso a referida ao exercicio do ano 2022.

Os datos da Estatística do Gasto Sanitario sinalan que a Galiza é a segunda comunidade do Estado español que menos inviste en Atención Primaria. Neste sentido, o Ministerio de Sanidade entende por gasto sanitario en Atención Primaria o derivado da "actividade asistencial realizada por médicos de familia, pediatras, enfermeiras e demais persoal sanitario e non sanitario encamiñada a conseguir o mantemento e mellora da saúde no primeiro nivel de asistencia sanitaria, tanto en centros de saúde como en calquera tipo de consultorios urbanos ou rurais ou nas casas de doentes".

A Galiza destinou en 2022 á Atención Primaria 11,9% do total dos fondos dedicados á sanidade nos orzamentos do Goberno galego. A porcentaxe está 13,1 puntos por baixo da contía recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e é 2,2 puntos inferior á media estatal fixada para ese exercicio en 14,1%. Só Madrid, que dedicou a este nivel asistencial 10,8% do seu presuposto sanitario, investiu menos en Atención Primaria que o Goberno galego.

As cifras fornecidas polo Ministerio de Sanidade para 2022 confirman unha tendencia de anos. Se ben o investimento en Atención Primaria nesta última anualidade superou nunha décima a de 2021, situado en 11,8% do gasto sanitario total, e en tres décimas o de 2020, cifrado en 11,6%, o investimento sanitario na Galiza medra por baixo da maioría dos territorios do Estado. Neste sentido, estes últimos datos inciden na fenda entre os recursos da Atención Primaria galega é a do conxunto estatal.

Custo do servizo

O escaso investimento en Atención Primaria contrasta co elevado custo da prestación sanitaria na Galiza. A isto, contribúe de modo decisivo a pirámide demográfica do país, cunha poboación moi envellecida, e unha realidade xeográfica marcada pola dispersión territorial e a gran cantidade de núcleos de poboación, que obriga a manter unha rede asistencial máis ampla.

O grao de investimento sanitario condiciona a calidade da asistencia do servizo. A este respecto, o médico de Atención Primaria e voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, apunta a Nós Diario que “canto máis fondos se destinen á Atención Primaria, máis potente será o servizo e de máis calidade a prestación”. Nesta dirección, sinala que “o reducido financiamento da Atención Primaria galega provoca a fuga de profesionais a aquelas comunidades que dedican máis diñeiro a asistencia sanitaria”. Así, considera que “con estes recursos resulta imposíbel reter máis profesionais e recuperar unha porcentaxe daquelas que teñen marchado a traballar fóra. Abonda con ver como neste ano a Galiza logrou cubrir só 21 das 63 prazas de MIR na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria”.

Martín entende que “estas dotacións orzamentarias explican os problemas de accesibilidade aos centros de saúde, con tempos de espera de varias semanas, o que provoca que os pacientes acudan ás urxencias dos Punto de Atención de Continuada (PAC), ou ás urxencias hospitalarias, o que provoca as situacións de colapso que todos coñecemos”.

O presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do Hospital Clínico e Universitario de Santiago (CHUS), Fernando Abraldes, indica a Nós Diario que “a falta de investimento está a xerar unha crise estrutural na Primaria, cun incremento de tempos para acudir aos médicos de cabeceira e demoras que chegan ao mes, como acontece no Concepción Arenal, o centro de saúde con máis tarxetas de Compostela”.

Esperas de un mes

Abraldes destaca que “a realidade do Concepción Arenal repítese noutros centros de saúde de Compostela, como no do barrio de Vite, o que provoca o colapso dos PAC e das urxencias hospitalarias”. Nesta dirección, denuncia que “as baixas temporais non se cobren e a calidade asistencial decae” e alerta da “crise estrutural da Atención Primaria”, pola falta de investimento público”.

Fuga de profesionais

A enfermeira e presidenta da Asociación Galga de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec) Genma Rodríguez destaca a Nós Diario que “se a Atención Primaria non está forte todo o sistema sanitario reséntese” e crítica “unha xestión sanitaria centrada nos hospitais”, a onde “están trasladando profesionais de enfermaría cunha formación especifica na especialidade de Familia e Comunitaria”.

Rodríguez alerta da “fuga de profesionais de enfermaría de Atención Primaria a outras comunidades, onde garanten un contrato estábel”. A este respecto, asegura que “a falta de estabilidade dos profesionais xera unha perda de calidade asistencial na Atención Primaria”.   

O investimento por habitante en Primaria na Galiza é de 213 euros

O investimento por habitante en Atención Primaria na Galiza foi de 218 euros ao ano en 2022. Segundo os datos achegados pola Estatística de Gasto Sanitario do Ministerio de Sanidade, o diñeiro destinado á este nivel sanitario pola Xunta da Galiza situouse 30 euros por baixo da media estatal, cifrada en 248 euros e resultou 99 euros inferior á contía investida polo Goberno do Euskadi, o Executivo de todo o Estado que lidera o investimento en Atención Primaria. Só Madrid, que dedicou á Primaria 175 euros por habitante ao ano, investiu menos que a Galiza.

Madrid e Galiza mantéñense como fechacancelas de novo no exercicio orzamentario de 2022. Nesta liña, ocupan os mesmos lugares definidos no pasado informe, após que en 2020 Illes Balears superará o investimento en Atención Primaria do Goberno galego. Precisamente, até esa anualidade e desde 2011, a Galiza ocupou o antepenúltimo lugar na listaxe sobre gasto sanitario elaborada polo Ministerio de Sanidade do Goberno español.

As cifras da Estatística de Gasto Sanitario do Ministerio de Sanidade confirman a Atención Primaria como a área infrafinanciada do servizo galego de saúde. Mentres o Executivo galego destinou nos seus orzamentos de 2022 ao sistema sanitario unha contía equivalente a 7,1% do Produto Interior Bruto (PIB) do país, rexistrando un investimento por habitante de 1.832 euros e colocándose en niveis de gasto por riba doutras catro comunidades, a súa achega a Atención Primaria, o primeiro nivel sanitario, é moi inferior.