Galiza sitúase nos postos de cabeza do Estado español en gasto farmacéutico

Galiza ocupa a cuarta posición, detrás de Estremadura, o País Valenciá e Andalucía. (Nós Diario).

A Estatística de Gasto Sanitario do Ministerio de Sanidade sitúa un ano máis Galiza á cabeza do Estado español en gasto farmacéutico.

O documento, presentado polo Goberno español este mes, estuda os recursos destinados polas Administracións públicas ás diferentes esferas que conforman o sistema de saúde. O relatorio é o informe de referencia para coñecer as magnitudes financeiras do sector sanitario e elabórase cunha metodoloxía semellante para todos os Estados da Unión Europea, tomando como referencia a última liquidación orzamentaria fechada, neste caso a referida ao exercicio de 2022.

Os datos da Estatística do Gasto Sanitario certifican o sobrefinanciamento do gasto farmacéutico. Nesta dirección, o Ministerio de Sanidade inclúe no gasto farmacéutico o xerado “polas receitas médicas expedidas, o reintegro de gastos farmacéuticos e o gasto noutros produtos de subministración directa aos fogares". Non inclúe o gasto en produtos farmacéuticos que poidan dispensarse nos hospitais como programas selectivos de revisión de medicamentos ou medicación de urxencia" e non incorpora todas as partidas dedicadas aos diversos niveis asistenciais.

A porcentaxe de gasto

Galiza, á cabeza en consumo de benzodiacepinas para tratar a ansiedade e coa poboación máis avellentada do Estado, destinou en 2022 a gasto farmacéutico o 17,4% do diñeiro total dedicado a sanidade nas contas públicas da Xunta da Galiza. A porcentaxe significou un investimento dous puntos superior á media estatal, situada en 15,4%, e ficou moi por arriba daqueles territorios cun sistema sanitario público máis eficiente, como Euskadi e Nafarroa, que dedican, respectivamente, 11,4% e 11,9% do investimento sanitario total a esta cuestión. A este respecto, a Xunta da Galiza incorpora como investimento en Atención Primaria as aplicacións orzamentarias destinadas ao pagamento de receitas sanitarias, cando estas deberían computar como gasto farmacéutico.

Os fondos destinados polo Goberno galego a gasto farmacéutico superan os destinados á Atención Primaria. Neste sentido, en 2022 destinou á Atención Primaria 11,9% do total do orzamento sanitario e ao gasto farmacéutico o 17,4%. A efectos contábeis, as estatísticas oficiais só incorporan como gasto farmacéutico aquel que se deriva da Atención Especializada, estando recollido o restante dentro dos orzamentos de Atención Primaria.

O voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, resume a Nós Diario as causas do maior gasto farmacéutico da Galiza en “máis presión da industria farmacéutica sobre a Administración e os profesionais á hora de fixar as pautas de prescrición de medicamentos, máis corrupción e máis irracionalidade na xestión do sistema sanitario”. Nesta liña, critica “o nivel moi baixo de fármacos xenéricos recomendados, cando está comprobado que os seus efectos sobre a doenza son semellantes” e culpa disto “a conivencia da Administración e dos profesionais cos laboratorios farmacéuticos”.

Martín apunta a Consellaría de Sanidade e o Ministerio de Sanidade, que “decide que medicamentos se usan no Estado e cales son financiados pola Seguridade Social” e explica que “a Axencia Europea do Medicamento analiza o fármaco e determina se pode usarse, recaendo a autorización no Ministerio, quen fixa se o financiamento do mesmo vai ser público”.Nesta dirección, sinala que as áreas sanitarias "teñen competencia para prescribir medicamentos, dándose o caso que en función das áreas, recéitanse fármacos diferentes”.

A presión da industria

A capacidade de presión da industria farmacéutica está detrás do incremento do gasto sanitario tamén segundo a ONG Intermon Oxfam que, nun relatorio de 2019, denunciou que o seu poder e capacidade de presión permite “forzar as lexislacións nacionais e internacionais para favorecer os seus intereses, aínda que sexa por conta da saúde e da vida de millóns de persoas”.

Nesta perspectiva, acusa as grandes empresas farmacéuticas de “utilizar o seu poder e influencia para minar os intentos tanto de reducir o custo dos medicamentos como de controlar as súas actividades”.