Sanidade pública

A Galiza só ten 129 ambulancias para cubrir 313 concellos: "Hai zonas nas que a xente está nas mans de Deus"

Ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado medicalizadas (SVA), persoal de ambulancias de Santiago, protesta de persoal en Pontevedra a finais do ano pasado e ambulancia asistencial de soporte vital básico (SVB). [Fotos: Nós Diario]
Un total de 129 ambulancias prestan o servizo do 061 na Galiza, cunha taxa de cobertura por mil habitantes de 4,8%, lonxe da ratio de 6,5 da media estatal. Estas cifras do Ministerio de Sanidade colocan Galiza como o cuarto territorio no Estado español cunha peor cobertura deste servizo sanitario básico, só por diante de Madrid, Illes Balears, Ceuta e Melilla. As sete áreas sanitarias nas que a Consellaría de Sanidade ten dividido o país (e os 14 distritos sanitarios) non poden ser atendidos por este servizo "nin de lonxe", segundo destacan os técnicos sanitarios, que advirten da existencia de “zonas de sombra” que non dan abarcado.

A asistencia e traslado sanitario do 061 na Galiza ten unha das catro peores ratios de cobertura do Estado. Así o din os datos do Ministerio de Sanidade, que reflicten que na Galiza operan 129 ambulancias -125 segundo os datos fornecidos polo 061 a este xornal, unha cifra que non dan por concellos-. Estes vehículos teñen distintos tipos de dotación asistencial e a cifra deixa as taxas de cobertura deste servizo por 1.000 habitantes en 4,8%, mentres que a media estatal é de 6,5%. Os datos sitúan Galiza como a cuarta comunidade do Estado cunha peor cobertura deste servizo, só por riba de Madrid, Illes Balears, Ceuta e Melilla. Segundo a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza, no país só operan 10 ambulancias medicalizadas, con base na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Compostela, Vigo, Ferrol e Foz (A Mariña), ás que se suma unha en Sanxenxo (O Salnés) nos meses de verán.

O servizo de emerxencias actual complétase con dous helicópteros medicalizados con base en Compostela e Ourense. Estes son os medios de transporte sanitario dos que dispón o país, e o anuncio desde hai máis dun ano por parte da Consellería de Sanidade dun investimento de 178 millóns de euros a dous anos vista, que segundo a Xunta da Galiza dotará de máis medios o sector e mellorará a precariedade laboral dos máis de 1.000 traballadores e traballadoras que actualmente prestan este servizo.

Pero o certo é que este contrato, segundo explican a Nós Diario técnicos sanitarios do 061, adxudícase por lotes aos que van optar distintas empresas, e en moitos casos suporán novas ambulancias que “son un engano para a cidadanía porque só traballarán 12 horas cun técnico e un enfermeiro que precisará supervisión telefónica dun médico. Nós chamámolas as furgonetas do pan en vez de ambulancias”, afirma Jorge Roca, Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) en Lalín (O Deza), en declaracións a Nós Diario.

No colectivo dos traballadores e das traballadoras de ambulancias da Galiza contactados por Nós Diario coinciden no diagnóstico deste servizo: "É un problema de planificación, temos un país disperso e os medios son insuficientes para garantir un servizo de ambulancias axeitado". De feito destacan que “hai moitas zonas de sombra onde case é imposíbel que cheguemos a tempo de atender unha emerxencia cos servizos que temos”. O que pasa no día a día do 061 ten unha explicación numérica clara: a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda unha ratio de unha ambulancia por cada 25.000 habitantes, no caso de Galiza as áreas sanitarias deseñadas polo Sergas fan imposíbel cumprir esa ratio cos medios que a Xunta ten operativos para prestar este servizo.

A Xunta incumpre as recomendacións da OMS

As cifras oficiais da Xunta deixan ás claras que na Galiza non se cumpren as recomendacións da OMS a este respecto. Na área sanitaria da Coruña e Cee hai 36 concellos, na de Ferrol son 20, na área Lugo, A Mariña e Monforte o servizo abrangue 67 concellos; na de Pontevedra e O Salnés son outros 20, 26 concellos na área sanitaria de Vigo, a de Compostela e O Barbanza cobre 46 concellos e a de Ourense, Verín e O Barco atende 92 municipios.

En todas elas só hai 129 ambulancias e delas só 10 medicalizadas. As cifras non dan. A suma de habitantes dos catro concellos do Morrazo, por exemplo, chega aos 61.795 habitantes, segundo os datos do censo do Instituto Nacional de estatística (INE) de 2023. Porén, no Morrazo operan dúas ambulancias, co que se supera en perto de 12.000 persoas as recomendacións da OMS. De feito, desde SOS Sanidade Pública levan tempo reclamando a terceira ambulancia para a comarca.

Indo cara ao interior, no Deza, o TES Jorge Roca da ambulancia con base en Lalín asegura que “a situación é caótica, hai longas esperas dunha hora por unha ambulancia”. Esta ambulancia cobre Agolada, Lalín, Rodeiro e Dozón (25.794 habitantes segundo o INE). Roca explica a situación a Nós Diario: “Estamos agora na zona do Monte Faro, en San Martiño de Asperelo, de aquí a Compostela temos unha hora e vinte minutos, así que agora mesmo están catro concellos sen ambulancia. Están os helicópteros pero de noite non voan e con clima adverso tampouco, así que isto é unha ruleta rusa”.

A situación de Lalín tivo a súa faciana máis amarga en xullo de 2022 cando un home faleceu na parroquia de Donsión logo de agardar 50 minutos por unha ambulancia ao sufrir problemas respiratorios. A ambulancia na que traballa Jorge Roca en Lalín prestaba servizo esa noite, “sentes impotencia”, explica a Nós Diario. O caso chegou até o Parlamento da Galiza, e en resposta ao mesmo o daquela presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, prometeu unha nova ambulancia para a zona, mais nunca chegou. Hai un ano o conselleiro de Sanidade anunciou para Lalín unha ambulancia de Soporte Vital Avanzado, pero os TES aseguran que este servizo “é un engano, vai traballar de 9 da mañá a 9 da noite, e ás 21 horas aparcan no centro de saúde e aí queda".

Un  servizo “infradotado”

O persoal do 061 síntese “impotente” ante do que cualifican como “un servizo caótico e mal dotado, o Sergas nin sequera cumpre os pregos de contratación”, explica a Nós Diario Fran Sotelo, técnico do 061 indefinido desde o ano 2016 e asignado á zona do Barbanza. “Faltan medios materiais, técnicos, persoal e vehículos, todo está por debaixo das ratios da UE”. Este incumprimento mesmo afecta os medios aéreos, “segundo as directrices da UE, Galiza debería ter tres helicópteros e non dous”.

Ademais, reprocha Sotelo, que estes helicópteros do Sergas “son pequenos e hai moitas zonas ás que non poden acceder porque hai moita zona eólica na costa, que é moi perigosa para voar”. Os profesionais do 061 coinciden no “caótico” do servizo e mesmo anuncian a Nós Diario que haberá proximamente unha folga dos locutores deste servizo. “Imos todos da man, estamos desbordados, non nos recoñecen os nosos dereitos laborais, non hai medios, persoal nin material”.

"Zonas de sombra nas mans de Deus"

A planificación do servizo de emerxencias sanitarias por parte da Consellaría de Sanidade e a dispersión poboacional fan aflorar en todo o país o que os técnicos sanitarios chaman “zonas de sombra” onde é case imposíbel que chegue unha ambulancia a tempo a atender unha emerxencia sanitaria. Explican desde o sector que “as zonas de sombra máis negra que hai son Cerdedo-Cotobade (comarca de Pontevedra) e Soutelo de Montes, en Forcarei (Terra de Montes); en toda esa zona están nas mans de Deus”, explican TES a Nós Diario. As ambulancias máis próximas a estes concellos están en Silleda (Deza), A Estrada (Terra de Montes), O Carballiño ou Pontevedra. “Se hai algo urxente nesas zonas só os salva o helicóptero, sempre que sexa de día e a climatoloxía permita voar”.

Tampouco os dous helicópteros da Rede de Transporte Sanitario Urxente do Sergas, un con base en Santiago e outro en Ourense, son garantía. En xuño de 2022 o Sergas foi condenado pola demora en activar o protocolo de emerxencias en abril de 2018 polo caso dun home que finalmente faleceu en Cartelle (Terra de Celanova).

Segundo alegou o Sergas, que recorreu a sentenza, non había ambulancia dispoñíbel e a demora na alerta do helicóptero máis de media hora fixo que finalmente o paciente falecera antes de ser trasladado ao Hospital de Ourense. O TES Fran Sotelo identifica ademais outras zonas de sombra: os concellos de Pedrafita e O Cebreiro (Ancares) e O Courel,  ademais da Mariña e boa parte da Baixa Limia. No Barbanza, onde está asignado Sotelo, “pasa máis do mesmo, hai un vehículo en Padrón, outro en Rianxo, en Boiro e outro en Ribeira, pero non dan abasto porque a partir das 22 horas a metade paran durante 12 horas".