Galiza suma 786 vítimas pola Covid tras falecer unha usuarias na residencia de Pereiro de Aguiar

8Europa Press)
A cifra de vítimas desde o inicio da denominada 'nova normalidade' ascende a 164.

As vítimas que deixa a pandemia de coronavirus na Galiza ascenderon ao total de 785, despois de que nas últimas horas do domingo falecese unha nonaxenaria que era usuaria da residencia Os Gozos, en Pereiro de Aguiar.

En concreto, segundo informaron as autoridades sanitarias, trátase dunha muller de 94 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e que xa contaba con patoloxías previas.

A muller residía no xeriátrico Os Gozos de Pereiro de Aguiar, un centro que esta sexta feira foi intervido pola Xunta e que acumula máis de 150 anciáns e 29 traballadores e traballadoras contaxiadas.

Ademais, este domingo a Consellería de Sanidade reportou outros catro mortos diagnosticados de COVID-19, pero ningún proviña de residencias.

En concreto, tratábase de dous homes de 59 e 74 anos, e dunha muller de 83 que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), ademais doutra muller de 88 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Cos cinco falecementos notificados, a cifra de vítimas desde o inicio da denominada 'nova normalidade' ascende a 164 na Galiza.

A primeira morte deste período foi a dunha muller o 7 de agosto. Antes diso, a Comunidade galega encadeara case dous meses -desde o 10 de xuño- sen decesos relacionados co coronavirus.