Galiza supera os 5.000 casos activos de Covid tras rexistrar 415 novos contaxios

Varias persoas esperan o tren na estación de Compostela nunha imaxe de arquivo (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Soben a 140 as persoas hospitalizadas.

Galiza tinxe os 5.056 casos activos de Covid-19 no inicio desta semana, que supoñen 277 máis que a xornada anterior, após se detectar 415 novos contaxios -99 menos que o día pasado-, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus aumentan a 140 -26 máis-.

Segundo os datos publicados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas deste domingo, increméntanse a 26 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 en Galiza -cinco máis- e a 114 as hospitalizadas noutras unidades -21 máis-, mentres que 4.916 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en cinco das sete, mentres que se mantén sen cambios na de Lugo, cun paciente Covid en UCI e tres noutras unidades; e na de Ferrol, que segue con dúas en críticos e 10 en planta.

Os casos activos superan os 5.000 no conxunto de Galiza a piques de concluír o mes de novembro ao se situar nos 5.056, que supoñen 277 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (415) que altas (137), ao que se engade un falecemento.

As infeccións activas ascenden de novo nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Ourense á cabeza (+88)

A segunda feira anterior -día 22- había 2.696 infeccións activas na Galiza. De feito, as infeccións activas ascenden de novo nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Ourense á cabeza (+88), seguida pola de Vigo (+47), A Coruña e Cee (+41), Pontevedra e O Salnés (+36), Lugo (+27), Santiago e Barbanza (+24) e Ferrol (+14).

O novos contaxios de Covid descenden por baixo dos 500 por primeira vez desde a pasada quinta feira até os 415, que supoñen 99 menos que os 514 do domingo. A segunda da semana pasada rexistráronse 270 e a cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade' corresponde o  11 de outubro, cando houbo 14.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, inicia esta semana cun 6,33%, que supón un lixeiro descenso con respecto ao 6,98% deste pasado domingo. Así, continúa por riba do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia. 

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en toda Galiza ascenden a 2.667, ao notificar este domingo a Consellaría de Sanidade un novo óbito. En concreto, a última vítima comunicada polas autoridades sanitarias galegas corresponde a un home de 92 anos que contaba con patoloxías previas e estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.