A Galiza supera as 700 persoas ingresadas con Covid, máximo desta sexta vaga

A ocupación hospitalaria alcanza o pico da sexta vaga. (Foto: Santi Alvite).
Os doentes hospitalizados cunha proba positiva ascenden a 704, pero baixan a 41 os ingresados en unidades de coidado intensivos.

O número de casos activos de Covid-19 na Galiza volve descender e sitúase en 60.720 segundo o informe diario divulgado pola Consellaría de Sanidade.

Con todo, os novos contaxios detectados subiron por riba dos 4.500, de acordo cos rexistros dispoñíbeis até as 18 horas da pasada segunda feira.

Así, nas últimas 24 horas detectáronse na Galiza 4.577 contaxios novos. O ascenso afectou a todas as áreas sanitarias salvo ás da Coruña e Ferrol, onde se detectaron 948 e 212 novos casos respectivamente.

Na área sanitaria de Vigo os novos contaxios continúan por riba do milleiro, con 1.111 casos novos, a área de Santiago anotou 790; a de Ourense, 528; a área de Pontevedra, e a de Lugo, 478 contaxios novos.

Descontados falecementos e altas, o total de casos activos de Covid na Galiza ascende a 60.720, o que supón 2.147 casos menos que os notificados hai un día.

O cómputo global de infeccións activas descendeu en todas as áreas sanitarias. A de Vigo mantense á cabeza con 15.661 casos activos (709 menos); na área da Coruña hai 13.323 casos (527 menos); na área de Santiago hai 9.703 casos activos (284 menos); na área de Pontevedra reducíronse en 197, ata os 6.785 casos; na área de Lugo baixaron a 6.205 casos (189 menos); na de Ourense hai 6.129 casos (142 menos), e na área de Ferrol o número de casos Covid é de 2.914 (99 menos).

Presión hospitalaria

Polo que se refire á presión hospitalaria, volve aumentar en áreas de ingreso convencional. Así, mentres se reduciu en tres o número de camas ocupadas por pacientes en unidades de coidados intensivos, até un total de 41, aumentaron en 21 as camas destinadas a doentes con coronavirus noutras áreas de ingreso, até as 663.

O maior número de pacientes graves segue estando nas áreas da Coruña e Vigo, con 11 (dúas menos) e nove (sen cambios) enfermos en coidados críticos respectivamente. Na área sanitaria de Lugo hai seis pacientes en UCI, un menos; na área de Santiago hai cinco doentes críticos, un máis; os mesmos que na área de Pontevedra (sen cambios).

Finalmente, na área sanitaria de Ourense hai tres pacientes en UCI (un menos) e dous na área de Ferrol (sen cambios). Os doentes ingresados en planta soben en todas as áreas, excepto en Lugo e Santiago.

Falecementos

Desde o inicio da pandemia, superaron a Covid na Galiza 360.814 persoas, das que 6.717 recibiron o alta nas últimas horas. Por contra, faleceron co virus 2.939 persoas, das cales, o Sergas notificou sete na última xornada.