Galiza supera os 900 casos activos de Covid-19 e rexistra 104 novos contaxios

Cribado masivo entre a mocidade ourensá, en xullo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Os pacientes hospitalizados por este coronavirus ascenden a 46.

Galiza supera os 900 casos activos de Covid-19 ao ascender a 907, que supoñen 326 máis que hai unha semana, tras rexistrarse 104 novos contaxios -catro máis que a xornada anterior-. Os pacientes ingresados por este coronavirus aumentan a 46 -catro máis- e a taxa de positividade sobe a un 2,9%.

Segundo os datos publicados na mañá desta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta cuarta, descenden a 11 as persoas ingresadas en UCI pola Covid -unha menos-, mentres que aumentan a 35 as hospitalizadas noutras unidades -cinco máis- e 861 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en dúas de sete -Ourense e Ferrol-, alíviase lixeiramente na de Santiago e Barbanza e mantense nas da Coruña e Cee, Vigo, Lugo e Pontevedra e O Salnés -esta é a única sen ingresados pola Covid-.

Por undécima xornada consecutiva aumentan os casos activos no conxunto da Galiza, que se sitúan en 907, o que constitúe 63 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (104) que altas (41). Con respecto a hai unha semana hai 326 máis que os 581 rexistrados o 4 de novembro. As infeccións activas ascenden en seis do sete áreas sanitarias galegas, coa de Ourense á cabeza (+27), seguida da da Coruña e Cee (+24), Vigo (+7), Lugo (+4), Santiago e Barbanza (+3) e Ferrol (+1); mentres que descenden na de Pontevedra e O Salnés (-3).

Os novos contaxios de Covid aumentan a 104, que supoñen catro máis que os 100 dda cuarta feira; tras situarse na terza feira despois de comezar esta semana con 54. A quinta feira anterior rexistráronse 77 no conxunto da Galiza. Até o momento, o 11 de outubro houbo 14, a cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemiamantéñense en 2.655, ao non notificar esta cuarta feira de novo a Consellería de Sanidade ningunha vítima.