A Galiza supera os 9.000 casos de Covid e anota outra leve repunta da presión hospitalaria

(Foto: M. Dylan / Europa Press).
O territorio galego sitúase en risco alto de transmisión segundo o novo semáforo Covid do Ministerio de Sanidade ao superar os 300 casos por 100.000 habitantes a 14 días.

A Galiza supera os 9.000 casos activos de Covid tras rexistrar 668 novos contaxios. Segundo recolle o último informe epidemiolóxico divulgado pola Consellaría de Sanidade, en todo o territorio hai 9.028 infectadas polo coronavirus, 3.600 máis que hai unha semana e 437 máis que o último día.

Polo que respecta aos pacientes hospitalizados, a ocupación derivada da Covid aumenta até os 246 doentes, nove máis que os anotados hai 24 horas. Nas unidades de coidados intensivos os hospitais galegos non rexistran cambios. Manteñen 35 persoas ingresadas. A presión sobre lixeiramente noutras áreas, onde se recuperan 211 pacientes. Perto de 8.800 permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, as de Ourense, A Coruña, Santiago, Lugo e Pontevedra experimentan unha leve repunta. A presión non muda en ferrol e descende un pouco en Vigo.

Contaxios e incidencia

Con respecto á última xornada, o Sergas informa dun descenso no número de contaxios e tamén das PCR realizadas, en plena ponte festiva de decembro. Notificou unha trintena menos que o último día. En total, 668, 174 máis que hai unha semana. Dos novos positivos rexistrados, Vigo anotou 190; Ourense, 156; Pontevedra, 129; A Coruña, 76; Lugo, 47; Santiago, 41, e Ferrol, 29.

Na última semana a media diaria de novos contaxios sitúase en 775, cifra que reflicte unha suba continuada desde primeiros do mes de novembro e que sitúa as áreas sanitarias de Vigo e Ourense á cabeza de novas infeccións e tamén de casos activos, con 2.711 e 2.241 respectivamente.

A taxa de positividade mantrense afastada do limiar fixado pola OMS para dar por controlada a pandemia e a transmisión comunitaria do virus. Na última semana sitúase por riba de 10%. Pola súa banda, a razón de taxas para o conxunto do territorio queda por debaixo de 2, coa área sanitaria de Pontevedra só por riba desta marca que reflicte o número de contaxios por cada caso activo.

A incidencia acumulada a 14 días na Galiza supera os 325 casos, o que sitúa a comunidade en risco alto de transmisión.

Desde o inicio da pandemia faleceron con coronavirus 2.682 persoas, tras notificar Sanidade unha nova vítima, unha muller de 91 anos con patoloxías previas que morreu o pasado 5 de decembro no Complexo Hospitalario de Pontevedra.