Galiza xa é o territorio do Estado que menos inviste en servizos públicos fundamentais

O investimento en servizos públicos fundamentais por persoa na Galiza está en 3.205 euros ao ano. (Infografía: Nós Diario).

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) presentou nesta cuarta feira os datos de investimento en servizos públicos fundamentais en 2023 nas diversas comunidades do Estado. As cifras sitúan Galiza como o territorio que menos fondos destina a sanidade, educación e servizos sociais.

A Galiza é a comunidade do Estado que menos inviste en servizos públicos fundamentais. Segundo os datos achegados esta cuarta feira pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), organismo independente de control fiscal creado polo Goberno español a iniciativa da Comisión Europea, o investimento do Goberno galego nesta materia foi en 2023 de 3.205 euros por habitante ao ano, 297 euros por baixo da media estatal. 

As cifras fornecidas pola Airef proceden da liquidación dos orzamentos de 2023 efectuada pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE), órgano de control interno do sector público estatal e centro directivo e xestor da contabilidade pública, dependente do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno español.

O investimento en servizos públicos fundamentais  recollido na liquidación da IXAE contabiliza os fondos destinados pola Administración para financiar os diversos niveis de asistencia sanitaria, os distintos tramos da oferta educativa e a totalidade das prestacións en materia de servizos sociais recollidos na lexislación.

A Galiza sitúase por primeira vez na serie histórica dos datos da IXAE como a comunidade que menos inviste en servizos públicos fundamentais. Neste sentido, en 2023 Madrid superou á Galiza en investimento social ao alcanzar un gasto por habitante e ano de 3.290 euros. Concretamente, en 2022, o Goberno galego superaba nesta variábel ao Executivo madrileño en 27 euros, ao destinar o Executivo de Díaz Ayuso 3.025 euros a servizos públicos fundamentais e o de Rueda 3.027 euros.

A fenda da Galiza con outras comunidades do Estado é significativa. Se a diferenza coa media estatal é de 297 euros por habitante e ano, a fenda chega a 1.215 euros por persoa e ano comparando con Nafarroa e a 1.023 euros por residente e ano comparando con Euskadi. Precisamente, estes territorios, que non fan parte do réxime común do sistema de financiamento, son os que destinan mais fondos ao mantemento dos servizos públicos fundamentais.

Na caída do investimento en servizos públicos fundamentais inflúen cuestións estruturais e conxunturais. Así, entre as primeiras, destaca o actual modelo de financiamento, até o punto de sinalar o Consello de Contas na fiscalización da conta xeral galega de 2020 da “insuficiencia do actual modelo para proporcionar os recursos financeiros necesarios para a cobertura das necesidades de gasto que leva a prestación dos servizos da súa competencia”.

O economista Xosé Díaz sinala que “no período de 2009 a 2020, o que achegou o sistema de financiamento para o financiamento destes servizos fundamentais e o realmente gastado nos orzamentos liquidados xera un déficit de nada menos que 18.198 millóns, que fai realmente difícil considerar o sistema como positivo para Galiza, como mínimo”.

As políticas aplicadas polo Goberno galego desde 2009 téñense caracterizado por un constante recorte do investimento en sanidade, educación e servizos sociais. Sen ir máis lonxe, até 2019 o investimento en saúde no país era superior á media estatal, superando nesa anualidade en 13 euros o gasto anual por habitante do conxunto do Estado. Precisamente, a partir deste exercicio comeza a agrandarse a fenda nos diversos niveis sanitarios.. 

Os orzamentos galegos de 2024 rexistran unha nova caída do investimento público en sanidade e educación. Segundo se recolle na Lei de Orzamentos de 2024 da Xunta da Galiza, o investimento en sanidade fica en 5.165 millóns de euros, o que significa unha caída en relación a 2023, unha vez descontada a inflación, de 70,4 millóns de euros. 

A situación non é mellor a nivel educativo. Se na anualidade de 2023 a Consellaría de Cultura e Educación contaba cun presuposto de 2.795 millóns, nas contas públicas do actual exercicio dispón de 2.858. Unha vez descontada a suba da inflación, a partida sofre unha caída de 150 millóns.