Galiza comeza a administrar a terceira dose: a Xunta conta vacinar máis de 7.000 persoas en dúas semanas

Continúa a vacinación contra a Covid (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
Pacientes transplantadas e inmunodeprimidas, entre as primeiras citadas para a dose de reforzo na Coruña, Vigo e Santiago.

Galiza iniciou esta sexta feira a administración da terceira dose da vacina contra o Covid ao colectivo de inmunodeprimidos coa convocatoria de medio cento de persoas.

Segundo avanzou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en todo o territorio hai uns 7.500 galegos e galegas con esta condición, e a previsión é que todos, salvo contraindicación, reciban esa terceira dose nas dúas próximas semanas.

Primeiras citas na Coruña, Vigo e Santiago

Así, nos próximos 15 días, vacinarase con esa dose adicional a todas aquelas persoas que teñan "indicación terapéutica" para recibila, que son "practicamente a totalidade" das transplantadas de órganos sólidos e transplantadas de medula, ademais doutras persoas inmunodeprimidas.

Os primeiros 50 galegos e galegas en recibiren a terceira dose da vacina contra o coronavirus foron citados esta sexta feira en hospitais e puntos de vacinación masiva das áreas sanitarias de Vigo, A Coruña e Santiago.

Persoas maiores e vulnerábeis

Doutra banda, Núñez Feixoo afirmou que, seguindo as recomendacións e as pautas da comunidade científica, seguirase "valorando" inocular esa inxección de reforzo a persoas maiores e persoas vulnerábeis e, cando finalice o ensaio clínico, se así se acorda, procederase á inmunización de menores de 12 anos.

O presidente da Xunta subliñou que Galiza está "a finalizar" a vacinación da poboación diana -supera xa 86%- que, "nas próximas semanas", prevese concluír a dobre pauta nos maiores de 12. A respecto diso, celebrou que "a inmensa maioría" dos galegos optase por se vacinar contra a Covid, e concretou que "o único problema" foi "non ter suficientes" doses para avanzar máis rápido.