Galiza terá case 90 días de outono "máis cálido e seco do normal"

Bosque de castiñeiros en Cervantes, Os Ancares. (Foto Luis Vilanova)
Segundo a Aemet Galiza goza dunha boa situación polo que se refire a precipitación acumulada.

O outono será "máis cálido e seco do normal" na Galiza, segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), cuxo delegado na comunidade autónoma, Francisco Infante, avanzou tamén un "tempo estábel e solleiro" até esta quinta feira. Todo iso tras un verán que ocupa o quinto lugar na serie histórica, empatado con outros tres, en canto a altas temperaturas.

De cara a fin de semana, Infante prognosticou "inestabilidade, con chuvascos e tormentas", sexta feira e sábado, mentres que o domingo, coa entrada do outono ás 14.45 horas, o tempo estabilizarase "un pouquiño".

Polo que se refire á próxima semana, sinalou que será "normal" en canto a precipitacións e temperaturas. Para a cuarta feira, 25 de setembro, prevese a "entrada da primeira fronte do outono", aínda que, precisou Infante, "non será moi activa".

O delegado da Aemet na Galiza fixo balance dun verán "moi cálido" na Galiza, con "diferenzas importantes entre o norte e sur". "Ocupa o quinto lugar da serie histórica desde 1961, empatado con outros tres", concretou.

As temperaturas máis altas, apuntou, alcanzáronse os días 23 e 24 xullo no sur do territorio, en concreto, na capital do Ribeiro, no municipio de Ribadavia, cunha máxima de 41,9 graos.

Precipitacións

Con respecto ás choivas, cualificounas de "normais e irregulares, con contrastes impresionantes entre unhas zonas e outras" debido a que houbo "bastantes tormentas". Así, xuño e xullo foron "húmidos e chuviosos" pero "compensáronse cun mes de agosto moi seco" no que choveu "un terzo do que é habitual, que adoita ser moi pouco".

Sobre a primeira quincena setembro, Infante destacou que foi "máis seca do normal" e con temperaturas durante o primeiros dez días "por baixo do normal". "Nos últimos subiron de forma importante" cunha máxima o día 15 de 34,7 en Ribadavia, explicou tamén.

Por outra banda, no balance do verán e as predicións para os próximos días e meses, incidiu que Galiza goza "dunha situación moi boa en canto a precipitación acumulada".

90 días de outono

Fóra do meteorolóxico, o outono de 2024, no hemisferio norte, durará 89 días e 21 horas, até a entrada do inverno o 21 de decembro. Esta mudanza aínda deixará outra habitual durante o mes de outubro: o cambio ao horario de inverno.

Na madrugada do 26 ao 27 de outono, coincidindo coa última fin de semana do mes, os reloxos terán que atrasarse unha hora: ás 3 serán as 2 horas.