Galiza detecta entre 23 e 26 de decembro 11.308 positivos por covid

Unha persoa recibe a terceira dose da vacina contra a Covid-19 na Galiza . (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

13,56% das probas realizadas.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou nos últimos catro días, desde a quinta feira 23 de decembro e até as 18 deste domingo 26, 11.308 casos positivos de covid-19.

Tendo en conta que se realizaron un total de 83.419 probas, a taxa de positividade de todos este test --anto PCR como de antíxenos- é de 13,56%.

En concreto, desde 23 de decembro, o Sergas realizou 52.934 probas PCR que permitiron descubrir 8.429 infeccións. Isto implica unha positividade de 15,92%, máis do triplo que o 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Mentres tanto, o sistema galego de saúde realizou no mesmo período outro 30.485 test de antígenos con 2.879 con resultado positivo, o 9,44%.

O número de casos activos volveu marcar este domingo un récord nesta sexta vaga. Segundo as cifras achegadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta da Galiza, 24.252 galegos e galegas son positivos en coronavirus.

O incremento en relación coas cifras de onte é importante. A Xunta certificaba para 24 de decembro 22.349 persoas casos, deles 3.828 eran da área da Coruña-Cee, 1.740 da de Lugo-A Mariña-Monforte, 2.871 da de Ourense-Verín-O Barco, 3.245 da de Pontevedra-Salnés, 6.398 da área de Vigo, 3.196 da de Santiago-Barbanza e 1.071 da de Ferrol.

A presión hospitalaria tamén ten aumentado nas últimas 24 horas mais está moi lonxe das cifras das anteriores vagas. A este respecto, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta da Galiza sinala que 55 persoas, cinco máis que o sábado, están ingresadas nas diversas de Unidades de Coidados Intensivos (UCI) do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

A Xunta da Galiza aconsella á poboación adoptar as medidas de protección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe e chama a extremar a hixiene de mans.