Gallardón, obrigado a devolver as taxas cobradas a mulleres en situación de violencia machista

Malia o rexeitamento xeralizado que a medida provocou, Gallardón mantén o seu 'taxazo' e compromete unha rebaixa do 80% perante a Defensora do pobo para evitar un recurso de inconstitucionalidade


O ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón, recúa e comunica perante a Defensora do pobo que devolverá as taxas xudiciais que cobrou ás mulleres en situación de violencia machista desde o 17 de decembro, cando entrou en vigor o 'taxazo' xudicial e até que proceda á reforma da norma. Dita reforma contemplará unha rebaixa do 80% na parte variábel do imposto, así como a devolución dos cartos cobrados a todos os colectivos beneficiados da asistencia xurídica gratuíta.

En primeira instancia a redución aplicarase ás ordes civil e contencioso-administrativa, de tal xeito que no canto de cobrar un 0,5% do valor económico do pleito, con 10 mil euros de contía máxima, terá que pagar o 0,1% con 2 mil euros de límite máximo. Porén, na orde laboral, a redución aplicarase a partir da segunda instancia.

Da comunicación entregada á Defensora do pobo enténdese que a parte fixa do 'taxazo' non sufrirá modificacións, polo que as persoas físicas seguirán pagando, e non só as empresas como acontecía anteriormente. Así, no contencioso e no civil haberá que abonar entre 150 e 1.200 euros en primeira instancia, dependendo do recurso presentado. No social e laboral a primeira instancia fica exenta, mais en suplicación ou casación haberá que pagar, respectivamente, 500 e 750 euros.

O Consello xeral da avogacía considera que a rebaixa é "insuficiente"

O anuncio do conservador chega dous meses despois de sacar adiante a polémica lei de repagamento da xustiza, rexeitada masivamente nas rúas pola cidadanía e por xuízas, xuíces, avogad@s e fiscais. Xustamente esta cuarta feira estes colectivos saíron á rúa contra a norma de Gallardón, protagonizando a terceira folga desde a etapa da democracia.

O Consello xeral da avogacía fixo público xa un comunicado en que reclama ao ministro que derrogue a Lei de Taxas e sente a negociar, ao considerar que as rectificacións anunciadas son "insuficientes". No Congreso, o 'taxazo' foi rexeitado por todos os grupos parlamentares agás o PP.