Os gandeiros da Limia aturan as consecuencias do fechamento da planta de tratamento de xurro

Instalacións abandonadas da fábrica de xurro

O encerramento da factoría supón xa a día de hoxe un aumento dos custes que os gandeiros teñen ao longo do ano 

O fechamento da planta de xurro no Concello de Sarreaus, Ourense, provoca que moitas granxas da zona teñan que deixar a actividade gandeira e encerrar as súas explotacións. A causa do fechamento da planta son os recortes das primas en enerxías renovábeis. Isto provocou o encerramento e afectou a economía dos granxeiros, aumentando os seus gastos anuais entre 40.000 e 50.000 euros.

 

Corría o ano 2005 e con el nacía un proxecto de tal calibre como unha factoría dotada da máis nova tecnoloxía co obxectivo de producir enerxía eléctrica. A materia prima empregada para conseguila sería o xurro, o líquido que sae do esterco creado polos animais de granxa. Este proxecto tivo un investimento de 18 millóns de euros e era xestionado pola Sociedade Galega de Residuos Gandeiros, e converténdose así no centro tecnolóxico de Coren na localidade ourensá de Sarreaus.

 

Calcúlase que a planta estaba preparada para tratar 110 millóns de kilos de residuos orgánicos de animais en cada ano de actividade para o seu secado e así convertelo en electricidade. A instalación tamén prestaba un servizo esencial na comarca posto que gran parte das casas dependen deste sector, pudendo compatibilizar a actividade gandeira e a agrícola coa protección do medio ambiente. 

 

Mais no 2014 as instalacións teñen que deixar a súa actividade oficialmente debido aos recortes que se deberon á aprobación, por parte do Partido Popular, do Real Decreto 413/2014. Este decreto regulaba a supresión dos incentivos ou primas que tiñan as instalacións que producían enerxía a partir do tratamento deste tipo de residuos. Ademais de afectar esta planta, atinxiu un total de 29 instaladas por todo o Estado Español que tiveron que pechar pola inviabiliade económica que supuña a implantación do decreto.

 

Mais o fechamento das instalacións non só lles afectou ás doce persoas que traballaban nela, senón que a meirande parte das familias da comarca viven do sector da gandaría e a agricultura. Estes teñen que gastar arredor de 40.000-50.000 euros para se desfaceren de por volta de 700 millóns de quilos de esterco.

 

O transporte dos residuos podería abaratarse se existise algún terreo no concello de Sarreaus para deixalo, mais a día de hoxe, os gandeiros vense na obriga de contratar camións para que transporten o xurro a fincas habilitadas para poder depositar os vertidos. Estes terreos atópanse a moitos quilómetros de distancia, sendo municipios como A Gudiña, que está perto, ou A Cañiza, cuxa distancia aproxímase aos cen quilómetros.

 

Aliás, namentres colectivos instan a Xunta e a Deputación Provincial de Ourense a que adopten medidas para permitir a posta en marcha, outra vez, das instalacións, o alcalde do Partido Popular do concello ourensán de Sarreaus, Gumersindo Lamas, lamenta que “este problema aínda non se teña solucionado”.

 

Pola súa banda, Adegal, Asociación de empresarios gandeiros e agrícolas, ven “dificultades para que a planta poida volver a iniciar a súa actividade”. A presidenta de Adegal, Maite Joga, asegura que a planta “deixou sen este servizo imprescindíbel aos granxeiros e estes tiveron que xestionar eles mesmos os terreos para poder depositar o xurro como abono”.

 

 

As ecoloxistas da Sociedade Galega de Historia Natural afirman que a degradación polo vertido masivo de xurro non tratado elévase a 700 millóns de quilogramos na comarca da Limia. 

 

A Xunta de Galiza aprobou unha nova normativa normativa sobre o uso, armacenamento e xestión do xurro agrícola, que entrou en vigor o ano pasado e que prohibe usar o esterco como abono para os terreos situados a menos de 50 metros das vivendas. Impón multas entre os 900 e os 45.000 euros en caso de vertidos ou abandono intencionado do xurro nos terreos devanditos.

 

En resumo, novos atrancos para os traballadores da gandería e agricultura. Un dos sectores produtivos do país que está vendo reducida a súa actividade por leis que poñen trabas ao rural e o seu desenvolvemento, alén de deixar de obter enerxía renovábel f

echando instalacións como a de Sarreaus.