Xustiza

Nove meses de prisión para un garda civil da Coruña por roubar (e revender) 150 cartuchos de tinta de impresora

Un axente da Garda Civil española. (Foto: Nós Diario)
A pena quedou suspendida coa condición de que non volva cometer ningún delito.

Un garda civil aceptou esta terza feira unha pena de nove meses de prisión polo furto de 150 cartuchos de tinta de impresora nun almacén coruñés da Benemérita para revendelos a través dunha páxina web. Foi no xuízo decorrido hoxe na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña e tras un acordo entre a Fiscalía e a defensa.

O condenado, ademais, aceptou o pagamento dunha multa de case 800 euros e dunha indemización ao departamento de Informática. A pena imposta para el, que non tiña antecedentes penais, está condicionada a que durante dous anos non volva delinquir. A sentenza declarouse xa firme, así como a suspensión da pena.

O fiscal pedía, inicialmente, un ano e tres meses de prisión para este garda civil. Segundo a acusación, o axente, nado en 1959 e destinado ao Grupo de Apoio ás Tecnoloxías da Información (GATI), fíxose cos cartuchos de impresora durante o primeiro trimestre de 2020. Posteriormente, vendeunos a través dunha páxina web por uns 800 euros.

O GATI ten como labor principal proporcionar todo tipo de apoio loxístico ou asesoramento que poidan precisar as unidades que conforman a comandancia da Garda Civil da Coruña e doutros puntos da Galiza no referido a medios tecnolóxicos, tales como ordenadores, monitores, teclados ou impresoras, entre outros.