Samuel Kwesi, sobrevivente do 'Pitanxo', citado de novo a declarar polas versións contraditorias sobre o naufraxio

Samuel Kwesi, un dos sobreviventes do naufraxio, nunha manifestación decorrida en Marín a comezos de mes. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
O mariñeiro mudou a súa versión inicial, que dixo ter pronunciado "baixo presión" do capitán e o armador do buque, e agora defende que o patrón non deu orde de pór os traxes de supervivencia, que si levaban el e o seu sobriño, os outros sobreviventes do naufraxio.

A Garda Civil volveu citar esta pasada cuarta feira a declarar a Samuel Kwesi, un dos tres sobreviventes do naufraxio do pesqueiro galego Vila de Pitanxo, para pedirlle que puntualizase certos datos sobre as explicacións que el mesmo deu noutras ocasións. Así o confirmou o avogado do propio Kwesi, que indicou que isto podería deberse á necesidade de puntualizar certas afirmacións após as declaracións doutras persoas.

Todo iso despois de que saísen á luz as contradicións que existen entre as declaracións de Samuel e as dos outros dous sobreviventes á traxedia: Juan Padín, patrón do Vila de Pitanxo, e Eduardo Rial, sobriño de Padín.

Neste senso, Padín asegurou que contra as 4 horas da madrugada do 15 de febreiro parou o motor do barco, o que dadas as condicións meteorolóxicas existentes nese momento determinou a progresiva entrada de auga pola aleta de babor, ocasionando unha escora cada vez maior.

Vista a situación, segundo o declarante, deu á tripulación o sinal de abandono do buque, previa colocación do traxe de supervivencia e chaleco salvavidas, segundo recolle un auto da Audiencia Nacional. Eduardo Rial, sobriño do patrón, ofreceu unha declaración similar á do seu tío.

A versión de Kwesi

Pola súa parte, Samuel Kwesi explicou nun primeiro momento que ao parar o motor o barco quedou á mercé das ondas, o que, unido ao peso do aparello, fixo que entrase moita auga e escorase cara a babor. Entón ouviu o capitán ordenar que subisen á ponte, o que fixo sen o traxe de supervivencia ao non darlle tempo.

Con todo, nunha posterior declaración, deu unha versión "absolutamente distinta" dos feitos. El sinalou que o motor non parou, senón que as máquinas que recollen o aparello deixaron de funcionar ben, tensando pero non recollendo e provocando a escora.

Por iso, berráronlle ao capitán que soltase os aparellos, pero este negouse. Despois, co buque moi ladeado, parou o motor e incrementouse a escora de babor. Samuel subliñou que en ningún momento o capitán deu orde de pór os traxes de supervivencia aínda que el e o seu sobriño si os levaban, o que lle sorprendeu.

Preguntado polo cambio de versión, manifestou que a primeira declaración foi obtida "baixo presión" inducida tanto polo capitán como polo armador, ao que non identifica. Neste sentido, a Audiencia Nacional deu credibilidade á segunda versión, explicando que "existen indicios de que a versión primeiramente ofrecida pode non axustarse á realidade".

Declaración institucional en Pontevedra

Noutra orde de cousas, esta quinta feira o Concello de Pontevedra aprobou por unanimidade unha declaración institucional que solicita ao Goberno estatal baixar ao pecio, unha das reclamacións que fan as familias dos 21 falecidos na traxedia.

No texto, todos os grupos do Concello indican que Fiscalía observou indicios de "homicidio imprudente" no naufraxio, polo que "agora máis que nunca" o visionado do estado do barco "arroxaría datos para o bo funcionamento da investigación".