Vas comprar Lotaría de Nadal? E canto pensas gastar? Na Galiza investiranse máis de 200 millóns de euros en décimos

Décimos de Lotaría para o sorteo de Nadal de 2023. (María José López / Europa Press)
As galegas e galegos gastan en Lotaría de Nadal máis que a media da cidadanía española.

Cada galego e galega gastará, de media, 75,46 euros en comprar décimos para o Sorteo Extraordinario da Lotaría de Nadal que decorrerá o próximo 22 de decembro. En total, serán 203 millóns de euros os investidos no conxunto da Galiza. Esta cifra supón uns catro euros máis que o que gastará a media da cidadanía española este 2023, 71,67 euros, por riba do dato de 69,36 euros do ano anterior.

Estas cifras son unha estimación da Sociedade Estatal de Loterías e Apostas do Estado (Selae) e o dato será definitivo unha vez que se reciban as devolucións de boletos non vendidos durante a campaña deste tradicional sorteo, cuxa campaña publicitaria foi presentada hoxe, 15 de novembro, nunha rolda de prensa na Real Casa da Moeda en Madrid.

Durante a presentación da campaña deste ano, o presidente de Loterías, Jesús Huerta Almendro, explicou que é "difícil aventurar" unha previsión de feche cando aínda falta máis dun mes para o sorteo e o principal monto chega ao final da campaña. Con todo, asegurou que están "esperanzados" porque no conxunto das lotarías de LAE as vendas van "ben". Así que, se non se "torce", esperan un bo resultado. De momento, dixo, a inflación non está a afectar as vendas.

Por territorios, a comunidade autónoma que previsibelmente máis vai gastar por habitante este ano é Castela e León, cunha media de 113,53 euros, seguida da Rioxa (108,4 euros), Asturias (107,37 euros), Aragón (96,64 euros), Cantabria (94,52 euros), Euskadi (82,11 euros), Comunidade de Madrid (81,44 euros), Castela-A Mancha (80,96 euros), País Valencià (80,31 euros) e Galiza (75,46 euros).

Mentres, os que menos van gastarse este ano son novamente os habitantes das cidades autónomas de Melilla (16,52 euros) e Ceuta (17,35 euros), seguidos dos de Balears (41,66 euros), Canarias (45,74 euros), Catalunya (55,49 euros), Nafarroa (58,24 euros), Andalucía (59,02 euros), Estremadura (63,99 euros) e Murcia (69,02 euros).

Onde máis Lotaría de Nadal se vai vender previsibelmente é en Madrid (549,7 millóns de euros consignados), seguida de Andalucía (501,6 millóns de euros), Catalunya (432,4 millóns de euros), País Valencià (409,4 millóns de euros), Castela e León (269,3 millóns de euros), Galiza (203 millóns de euros), Euskadi (200 millóns de euros), Castela-A Mancha (166,2 millóns de euros) e Aragón (128,1 millóns de euros).

Pola contra, os que menos Lotaría de Nadal teñen consignada son Melilla con 1,4 millóns de euros e Ceuta con 1,44 millóns de euros, respectivamente, A Rioxa (34,6 millóns de euros), Nafarroa (38,6 millóns de euros), Balears (49 millóns de euros), Cantabria (55,3 millóns de euros), Estremadura (67,4 millóns de euros), Canarias (99,6 millóns de euros), Murcia (105,7 millóns de euros) e Asturias (107,8 millóns de euros).