O Goberno estatal aproba un plan para indemnizar as vítimas de abusos no seo da Igrexa católica

O ministro da Presidencia e deputado socialista, Félix Bolaños, esta segunda feira en rolda de prensa. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
O plan estatal prevé medidas simbólicas, legais e administrativas.

O Goberno do Estado aprobou esta terza feira no Consello de Ministros o plan para indemnizar as vítimas de abusos sexuais na Igrexa católica cuxos casos son moi antigos, prescribiron ou non achegaron probas suficientes. Trátase dunha das recomendacións que fixo o Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, no informe que presentou o pasado mes de outubro sobre abusos na Igrexa a proposta do Congreso das Deputadas e Deputados.

"Queremos dar resposta a esas recomendacións do informe do Defensor do Pobo para previr, reparar e tratar de saldar esa débeda que ten a nosa sociedade e a nosa democracia coas vítimas destes abusos sexuais", asegurou o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, en rolda de prensa posterior ao Consello.

O plan, sinalou Bolaños, contén cinco eixos de actuación: o primeiro, recoñecer e reparar; o segundo, atender ás vítimas; o terceiro, previr; o cuarto, formar e sensibilizar, e o quinto, informar e investigar sobre o primeiro eixo.

Axudas económicas

O Executivo ten previsto organizar un acto público coas vítimas de abusos sexuais no seo da Igrexa católica e cos seus familiares. "Suporá unha reparación simbólica da nosa democracia a estas persoas que sufriron os abusos", apuntou.

En todo caso, sinalou que esa reparación simbólica "por si mesma non basta", polo que irá acompañada cunha reparación material "adecuada" e "suficiente" en termos económicos para as vítimas dos abusos.

Neste sentido apuntou que se adoptarán as medidas legais e administrativas que correspondan para aqueles casos nos que non tivesen oportunidade dunha reparación no ámbito xudicial, por ser casos moi antigos, por estar prescritos ou porque non existen probas. "Adoptaremos medidas para, por exemplo, ampliar os prazos de prescrición da responsabilidade civil até os 35 anos ou evitar que algúns delitos prescriban", precisou.

Bolaños tamén expuxo que o Goberno quere reforzar o sistema de axudas ás vítimas mediante o desenvolvemento da Lei Orgánica de Liberdade Sexual, en canto ás axudas económicas que reciben as vítimas de violencias sexuais no Estado español.