Sánchez anuncia a "maior partida da historia" para bolsas estudantís, 2.520 millóns de euros

Exame da Abau na Facultade de Psicoloxía da USC, en Santiago. (Foto: Arxina)
"Queremos garantir a igualdade de oportunidades a todos os estudantes, vivan onde vivan, para os que o necesitan, non para os ricos, como que fan outros gobernos autonómicos", dixo o presidente español.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, vén de anunciar que a vindeira terza feira o Consello de Ministros aprobará "a maior partida da historia da democracia" para bolsas de estudantes, con até 2.520 millóns de euros, que chegarán a un millón de alumnos e alumnas, e 200 millóns para crear unha axuda universal aos estudantes que sufran algún tipo de discapacidade.

Deuno a coñecer este sábado no acto de presentación da candidata do PSOE á Alcaldía de Zaragoza nas eleccións de maio, Lola Ranera, ao que asistiron tamén o presidente de Aragón e secretario xeral do PSOE nesta comunidade autónoma, Javier Lambán, e a ministra de Educación e FP, Pilar Alegría.

Ante un auditorio de máis de 800 persoas, Sánchez expresou a súa satisfacción por avanzar esta noticia acompañado da ministra de Educación, co obxectivo de "garantir a igualdade de oportunidades a todos os estudantes, vivan onde vivan, para os que o necesitan, non para os ricos, como que fan outros gobernos autonómicos".

O presidente indicou que eses 2.520 millóns de euros supoñen 18% máis que o orzamento do ano anterior en bolsas e 1.000 millóns máis "que cando gobernaba o PP, 70%", un incremento de recursos que se pon "en mans dos estudantes para que se poidan labrar un futuro mellor e despregar todas as potencialidades que teñan".

Sobre os 200 millóns para crear unha axuda universal ao estudantado que sufra algún tipo de discapacidade, Sánchez detallou que beneficiará perto de 250.000 alumnos e alumnas e será unha axuda universal de 400 euros, medida que contribuirá a contar cun sistema educativo "máis inclusivo, que é o que merecen, por suposto, os nosos mozos".

Durante o acto, Sánchez apoiouse no seu lema, 'O Goberno da xente', para asegurar que o seu principal "desvelo" son as preocupacións dos cidadáns e para sinalar que hai que saber "interpretar o momento e dar as solucións". Por iso, a pesar das actuais "circunstancias complexas", a súa folla de roteiro é "protexer e fortalecer a clase media e traballadora, subindo os salarios e reforzando o estado do benestar para reforzar a igualdade de oportunidades", é dicir, para recuperar a calidade de vida e o acceso ao estado do benestar, perdidos tras a resposta "neoliberal" e de "recortes" dada por gobernos do PP á crise financeira.

Nesta liña, puxo como exemplo que nos últimos anos os salarios subiron 10% e os prezos, máis de 17%. "Houbo unha deterioración da capacidade adquisitiva e do benestar e a prosperidade", constatou o presidente español.