O Goberno español anuncia que restabelece a sanidade universal

A ministra de Sanidade, Carmen Montón. Foto: cedida.

No seu segundo Consello de Ministros, celebrado esta sexta feira, o Goberno de Pedro Sánchez anunciou o restabelecemento da universalidade da atención sanitaria pública. De se realizar, revertirase así unha das primeiras e controvertidas medidas adoptadas por Mariano Raxoi en 2012.
 

A supresión da sanidade universal deixou sen cobertura pública a unhas 800.000 persoas. A medida do Executivo do PP foi tan impopular que mesmo varias comunidades autónomas gobernadas por eles buscaron sistemas para atender as persoas que ficaban fóra. Entre elas, a galega, gobernada por Alberto Núñez Feixóo. Con todo, entidades e asociacións acusaron no seu día á Xunta de "electoralista" e de facer "apaños" para atender as persoas sen papeis.

 

A ministra portavoz do Goberno de Sánchez, Isabel Celaá, asegurou que os socialistas iniciaron unha rolda de contactos cos executivos autónomos para efectivizar a decisión. “É unha cuestión de decencia”, asegurou Celaá.