O Goberno español autoriza un novo polígono eólico en Ferrolterra

Polígono eólico de Pena Galluda, na Laracha, comarca de Bergantiños (Foto: Engasa)

Enel Green Power instalará sete muíños de 115 metros de altura.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou esta cuarta feira, 28 de agosto, o acordo do Consello de Ministras do 23 de xullo que outorga a Enel Green Power España, SL a autorización administrativa previa das modificacións e autorización administrativa de construción do polígono eólico Moeche e das súas infraestruturas de evacuación.

Con 50,4 MW de potencia instalada, as súas infraestruturas de evacuación estarán situadas entre os termos municipais de Moeche, San Sadurniño e As Somozas (Ferrolterra).

O proxecto consta de sete aeroxeradores de 7,2 MW de potencia unitaria, con rotores tripala de 170 metros de diámetro e altura de 115 metros.

O propio Concello de Moeche alegara contra o proxecto ao considerar que incumpría diversas normativas ambientais e administrativas, así como que afectaba 59 camiños, vías públicas. O Goberno de Moeche alegou tamén contra a falta de estudos sobre as posíbeis afeccións do proxecto sobre a rede municipal de abastecemento de auga.

Da mesma maneira, desde este Concello sinalaron na altura que existen no lugar afectado polo proxecto redes de auga veciñais que tamén poderían estar afectadas.

Con todo, estas alegacións foron rexeitadas ao non se corresponder “co trámite trasladado ao Concello”, segundo recolle o BOE publicado esta cuarta feira.

Fragmentación artificial dos proxectos

O parque eólico Moeche forma parte dun conxunto de seis polígonos situados na contorna de Ferrolterra, Ortegal, A Terra Chá e A Mariña e todos eles impulsados pola multinacional italiana Enel Green Power. 

Caaveiro (Fene, Neda, Cabanas, A Capela, San Sadurniño e As Pontes), Tesouro (As Pontes e A Capela, na comarca de Eume), Barqueiro (Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Cerdido, Moeche, As Somozas e As Pontes), Badulaque (Valdoviño, Cedeira, Cerdido, Moeche, As Somozas e As Pontes), Santuario (As Pontes, Xermade, Vilalba e Guitiriz ) e Moeche sumarían unha potencia instalada superior aos 600 W e todos conectan no mesmo punto coa rede eléctrica, na subestación das Pontes (Eume). 
Por este motivo podería considerarse unha fragmentación artificial dos proxectos eólicos para facilitar a aprobación dos mesmos.