O Goberno español cesa a directora do Instituto das Mulleres tras o caso de contratos de puntos violeta

Isabel García, ex directora do Instituto da Muller. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

Isabel García será substituída no cargo por Cristina Hernández.

O Goberno español cesou Isabel García como directora do Instituto das Mulleres, días despois de que se fixese pública que a empresa que comparte coa súa muller recibiu polo menos 64 contratos de puntos violeta con concellos con Alcaldías do PSOE, polos que facturaría ao redor de 250.000 euros. García será substituída por Cristina Hernández, cuxo nomeamento será aprobado esta terza feira en Consello de Ministros.

O cesamento, confirmado por Isabel García na rede social X, prodúcese tras as críticas do socio de Goberno Sumar, que reclamou a súa dimisión. Con todo, a ministra de Igualdade, Ana Redondo, pediu "paciencia" á espera das explicacións por parte da directora do Instituto da Muller. Pola súa banda, Isabel García defendeuse en todo momento das acusacións ao asegurar cumprir "escrupulosamente" a lei.

"Teño a conciencia tranquila, a certeza de facer as cousas ben e síntome moi orgullosa do traballo que estamos a realizar desde o Instituto das Mulleres", argumentou en X García días antes do seu cesamento.

O nomeamento de Isabel García como nova directora do Instituto das Mulleres produciuse o 28 de decembro do ano pasado a pesar das críticas de colectivos trans e políticos de Sumar, Más Madrid ou Podemos que lle reprocharon os seus discursos "abertamente transfóbicos".

En concreto, denunciaron que García "mantivo discursos abertamente transfóbicos e antidereitos trans, durante a tramitación da Lei Trans" e indicaron que "os recortes de dereitos trans levados a cabo por Ayuso, coa derrogación de aspectos fundamentais das leis trans e LGTBI da Comunidad de Madrid e os argumentos esgrimidos para iso, están nos mesmos marcos ideolóxicos que defende Isabel García".

Cristina Hernández, nova directora do Instituto das Mulleres

A súa substituta no cargo será Cristina Hernández Martín (Ciudad Rodrigo, Salamanca, 1979), Licenciada en Socioloxía pola Universidade de Salamanca e Master of Arts (Refugee Studies Program) pola University of East London.

Especialista en políticas públicas de igualdade e violencia de xénero, traballou como asesora para ONG, entidades públicas e organizacións políticas e foi Profesora Asociada na Universidade de Salamanca, onde impartiu as materias de Socioloxía das Relacións de Xénero e Socioloxía dos Movementos Sociais.

De igual modo, foi responsábel de Formación do Servizo 016 de Información e Asesoramento en materia de violencia de xénero. Tamén traballou como asesora en materia de igualdade para o Grupo Parlamentario Socialista e a Comisión Executiva Federal do PSOE. Na actualidade, traballaba como asesora no Gabinete do ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes.