O Goberno español dá luz verde ao Plan Antitabaco: estas son as claves

Unha persoa fumando (Foto: Nós Diario).
O Consello de Ministros e Ministras do Estado español deu luz verde esta terza feira ao Plan Integral de Prevención e Control do Tabaquismo (PIT) 2024-2027, aprobado polo Ministerio de Sanidade e as autonomías no último Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (Cisns).

O Consello de Ministros e Ministras do Estado español deu luz verde esta terza feira ao Plan Integral de Prevención e Control do Tabaquismo (PIT) 2024-2027, aprobado polo Ministerio de Sanidade e as autonomías no último Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (Cisns), e que pretende ampliar os espazos sen fume.

"Hoxe aprobamos un acordo para unha medida fundamental de saúde pública que ten que ver co tabaco e coa liberdade para que teñamos espazos sen fume e libres de tabaco nas nosas vidas", sinalou a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.

Desde o Ministerio de Sanidade lembran que gran parte das medidas materializaranse a través da modificación lexislativa que o Goberno estatal se comprometeu a levar a cabo na presente lexislatura e que afectará á Lei 28/2005 e ao Real Decreto 579/2017, normativas básicas en materia de tabaquismo. "A estimación do Goberno de España é que para finais de ano boa parte delas cheguen a bo porto", sinalan nun comunicado.

O Plan aprobouse no CISNS do pasado 5 de abril, despois de superar Sanidade as súas diferenzas coas autonomías. De feito, antes do comezo da reunión, as comunidades gobernadas polo PP aseguraban que non se ían a adherir ao plan, aínda que posteriormente chegaron a un consenso, tras seren incluídas 160 das 180 emendas que presentaran os Gobernos autonómicos antes da súa aprobación.

Entre as medidas contempladas, destácase a incorporación de novos espazos libres de fumes, aínda que aínda non se especificaron cales, ofrecendo un recoñecemento especial a "determinados espazos de uso público ou colectivo, especialmente aqueles con presenza de persoas menores".

Tamén se inclúe un maior control do tabaco electrónico, equiparando por lei a publicidade, promoción e patrocinio de produtos relacionados e novos produtos á existente para produtos do tabaco; regular a venda e o consumo de produtos relacionados co tabaco (con e sen nicotina), así como revisar a contía das sancións.

Neste sentido, Sanidade xa comezou os trámites para introducir o empaquetado xenérico, un obxectivo recollido no plan. Ademais, o documento tamén inclúe unha suba impositiva aos produtos de nicotina, que logo terá un retorno en políticas de saúde.

O pasado 15 de abril, durante unha comparecencia na Comisión Mixta de Adiccións, a titular de Sanidade, Mónica García, anunciou que esperaba que "boa parte" das modificacións lexislativas que marca o plan "chegasen a bo porto" para finais de ano.

Para axudar no cesamento do tabaquismo, o documento propón incluír na Carteira de Servizos común do SNS a intervención no ámbito hospitalario; modificar os criterios de inclusión das persoas fumadoras no programa de cesamento do tabaquismo con fármacos financiados; e propor a incorporación á carteira básica de prestacións farmacéuticas aqueles fármacos que, atendendo á evidencia científica, son adecuados para o tratamento da adicción ao tabaco.

Desde o Ministerio de Sanidade lembran que "a súa elaboración foi froito dun traballo coordinado, coa participación técnica de todas as comunidades autónomas, co maior dos consensos sociais e co respaldo das sociedades científicas". Así mesmo, sinalan que "o plan nace coa idea de evitar que os mozos empecen a fumar, para axudar aos fumadores que queiran abandonar o hábito e para coidar o aire que todos e todas respiramos".

Así mesmo, lembran que a prevalencia do consumo de tabaco no Estado español foise reducindo gradualmente nas últimas décadas, sendo, segundo a Enquisa Europea de Saúde 2020, de 22,1%. "Esta diminución da prevalencia sofre descensos máis acusados en anos onde se implantan medidas enfocadas á prevención do tabaquismo, como son modificacións do marco lexislativo que impliquen unha ampliación dos espazos sen fume, a presión fiscal ou restricións en publicidade e promoción do tabaco", advirten.

Os últimos datos dispoñíbeis do Ministerio español de Sanidade apuntan a que o tabaco é o causante de perto de 50.000 mortes ao ano. Ademais, o seu consumo está asociado coa a aparición de 35 enfermidades.