O Goberno español encargará un rexistro de medios sobre a súa propiedade e a publicidade que reciben

O ministro de Cultura, Ernest Urtasun. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
O Executivo estatal presentou o Plan de Rexeneración Democrática.

[Avance]

O Goberno español encargará á Comisión Nacional do Mercado de Valores e a Competencia (CNMC) a creación dun rexistro de medios de comunicación no que se dispoña da información pública sobre a súa propiedade e o investimento publicitario que reciben, no marco do Plan de Rexeneración Democrática, que presentou esta terza feira o Executivo.

"Este rexistro será elaborado e titorizado por un organismo independente, e, nese caso, decidimos que sexa a Comisión Nacional do Mercado de Valores e a Competencia (CNMC)", anunciou o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

Neste sentido, avanzou que se vai "reformar dita comisión co obxectivo de que "poida asumir esas competencias", e leste é outro dos puntos, para que teña esas competencias.

A segunda medida, segundo indicou Urtasun, é o estabelecemento dun deber de publicación anual de investimento publicitario por parte de todas as administracións públicas. "Esta é unha información que hoxe ou non se presenta, ou se presenta de forma opaca", indicou, para despois engadir que a partir da implementación desta normativa, todas as institucións públicas deberán publicar esta información "de forma visíbel, clara e transparente".

O Executivo tamén vai reformar a Lei de Publicidade Institucional, como xa anunciou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para introducir criterios de "transparencia, proporcionalidade e non discriminación na súa asignación". Urtasun aclarou que estes criterios serán elaborados a partir do traballo con expertos, sector da comunicación e os grupos parlamentarios.

"Estas dúas reformas que acabo de mencionar da Lei de Publicidade Institucional teñen dous obxectivos: facer máis xusto o sistema de repartición da publicidade institucional e evitar que con diñeiro público estean a financiarse pseudomedios que promoven a intoxicación mediática e as 'fake news', argumentou Urtasun, quen anunciou tamén que a reforma prevé medidas de discriminación positiva para aqueles medios de comunicación que estean integramente en galego, euskera e catalán.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, indicou que agardarán a ter o documento completo para pronunciarse sobre o mesmo, e lembrou que a formación nacionalista fixera propostas en tres eidos: xudicial, medios de comunicación e dereitos civís. “Algunhas foron incorporadas”, indicou.

O nacionalista, ademais, indicou que os “bulos” non proveñen só de redes sociais ou medios privados “financiados xenerosamente pola dereita”, senón que tamén hai “en medios públicos, como é o caso da CRTVG e veñen denunciando os traballadores”.