O Goberno estatal enviará un avión "canto antes" para traer de volta tripulantes do 'Argos Xeorxia'

O ministro de Exteriores, José Manuel Albares (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
Albares afirmou que, "nestes momentos, os labores de procura continúan, incluído con medios aéreos e imaxes de satélite".

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Estado español, José Manuel Albares, anunciou que o Goberno estatal enviará un avión militar "canto antes" para traer de volta a tripulantes do Argos Xeorxia, buque afundido ao leste das illas Malvinas.

"Agora mesmo no que estamos centrados é en realizar a repatriación canto antes", asegurou Albares. Neste sentido, expresou que xa mantivo contacto co Ministerio de Defensa para poder desprazar un avión militar "canto antes" a Malvinas.

Ademais, o ministro afirmou que, "nestes momentos, os labores de procura continúan, incluído con medios aéreos e imaxes de satélite". "Non teño coñecemento de que, nestes momentos, haxa hora de parada", indicou esta cuarta feira.

Sobre as causas do sinistro, Albares apuntou que "nun momento dado produciuse unha entrada de auga", mais incidiu en que "haberá unha investigación que delimite" o sucedido. Así mesmo, remarcou que aconteceu nunha "zona difícil, complicada", na que "había un forte temporal" con "ondas de sete e oito metros".

Un total de catro dos 27 tripulantes eran galegos. Entre eles hai seis sobreviventes -catro galegos, un de Barcelona e outra de Albacete-. Ademais, dous veciños de Vigo e Baiona faleceron. Mentres, continúan desaparecidos un veciño de Ribeira e outro de Noia. En total, o naufraxio deixa polo momento nove falecidas, catro desaparecidas e 14 sobreviventes.

Morren tres cidadáns rusos

As autoridades de Rusia confirmaron esta cuarta feira a morte de tres persoas con nacionalidade rusa a causa do afundimento do buque Argos Xeorxia perto das illas Malvinas, un suceso que se saldou tamén coa morte de dous galegos -de Vigo e Baiona- que eran parte dos 27 membros da tripulación.

A voceira do Ministerio de Exteriores ruso, Maria Zajarova, sinalou que a Garda Costeira de Malvinas e o propietario do buque afundido indicaron que "un total de oito rusos ían a bordo", segundo recolleu a axencia rusa de noticias TASS. "Catro deles están vivos, tres están mortos e un está desaparecido", afirmou.

O pesqueiro navegaba a unhas 180 millas náuticas ao nordés das illas Malvinas -un arquipélago situado no sur do océano Atlántico e baixo soberanía do Reino Unido- cando sufriu danos a causa das "inclemencias meteorolóxicas", o que provocou unha entrada de auga e o abandono do buque por parte da tripulación, que subiu en botes salvavidas, segundo as autoridades arxentinas.