O Goberno estatal volve hoxe buscar sacos de pellets desde o aire na zona de cabo Silleiro-Ortegal

Cabo Silleiro

A Delegación do Goberno español na Galiza informou que este sábado volverá buscar desde o aire sacos de pellets no mar procedentes da vertedura que chega ás costas galegas tras a perda de seis colectores do cargueiro Toconao o 8 de decembro.

Así, seguindo o protocolo establecido no Camgal, o Goberno estatal  informou de que este sábado Salvamento Marítimo ten previsto continuar a procura co avión AS102 'Rosalía de Castro', que actuará preferentemente na zona de cabo Silleiro-Ortegal e que "optimizará o seu percorrido segundo as condicións meteorolóxicas".

A saída prevista do voo foi ás 11 horas. Esta información, tal e como destacou a Delegación, trasladóuselle á Xunta para "favorecer a coordinación de medios".

Desde a Xunta insistiran nestes días en que a petición de colaboración ao Goberno español centrábase en que dispoñibilizaran medios aéreos e por mar para localizar e retirar os sacos de granulados.

Porén, houbo críticas ao Goberno galego por non pór el en marcha os medios aéreos e marítimos que teñen para eses mesmos labores. A vicepresidenta segunda e conselleiro de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, xustificou isto en que é o Estado quen ten competencias sobre o mar.

Para esta fin de semana e tal e como está a advertir Vázquez ao longo desta semana, está previsto que co cambio das condicións meteorolóxicas cheguen ás costas galegas novas vagas da marea de plastico.

Vazquez cifrou en 10% a cantidade dos savos vertidos polo Toconao que chegaron xa ás costas da Galiza.