Gran despregamento ante un incendio nunha nave de subministracións agrícolas en Tomiño

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
"Non hai feridos, só danos materiais", mais "está moi queimada a nave", explicou a alcaldesa.

Un incendio calcina na tarde deste sábado unha nave industrial de subministracións agrícolas situada en Amorín, municipio de Tomiño (Baixo Miño). A Xunta da Galiza activou o Plan de Emerxencias Territorial da Galiza (Platerga).

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, explica que se desprazou até o lugar onde actúa un gran despregamento operativo para apagar o incendio, cunha decena de camións de bombeiros. Así, relata que "non hai feridos, só danos materiais", mais "está moi queimada a nave". O lume chegou a "unha pequena zona forestal" adxacente.

O incendio queima subministracións de plásticos e abono, cunha aparatosa columna de fume visíbel en varios quilómetros á redonda. Foron varias as persoas particulares as que deron a alerta ao 112 sobre as 15.50 horas.

Despregamento

A Xunta activou o Platerga para garantir a coordinación entre organismos ante a situación de risco. Participan nos operativo bombeiros do Baixo Miño, do Morrazo e do Salnés, así como portugueses de Caminha e Valença.

Tamén se avisou ao GES da Guarda e de Mos, medios do Servizo de Extinción de Incendios, Garda Civil e Protección Civil. Fontes da Consellaría do Medio Rural indican que se trasladaron dúas motobombas, dúas brigadas e un axente como apoio no operativo.

Corte na estrada

Pasadas as 19 horas, o 112 indicaba que os equipos de extinción manteñen o incendio perimetrado, aínda que "por momentos colle forza nos puntos onde se atopan os produtos fertilizantes". Ademais, debido ao lume, foi necesario interromper a circulación de vehículos por un carril na estrada PO-552 (Vigo-Tui), no quilómetro 66.