Tres grandes incendios seguen activos

Folgoso do Courel (Foto: Carlos Castro/ Europa Press).

O Courel, Carballeda de Valdeorras e Oímbra continúan padecendo os fogos que levan xa días sumando superficie queimada. Segundo Medio Rural a situación evoluciona favorabelmente. A superficie queimada chega ás 32.000 hectáreas.

Seguen activos tres grandes incendios forestais na Galiza aínda que, segundo a información trasladada pola Consellaría do Medio Rural no seu último parte, a situación semella evolucionar favorabelmente, xa que se mantéñen sen cambios en canto á superficie afectada desde a pasada quinta feira.

Son xa 32.000 as hectáreas calcinadas, a maior parte concentradas nos fogos que continúan queimando desde que se iniciaron neste mes de xullo.

En concreto, o fogo de Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón -nas parroquias de Vilamor e Saa-, que se orixinou coa unión doutros catro focos, mantense cunha afectación dunhas 10.000 hectáreas, mentres que o da parroquia de Seceda, en Folgoso, queimou sobre 1.100 hectáreas.

O lume iniciado en Carballeda de Valdeorras -o máis grande da Galiza- arrasou unhas 10.500, parte delas no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, aínda que a súa evolución é boa tanto na Galiza como en León, até onde pasou.

Por outra parte, no municipio de Oímbra a Xunta deu por controlados ás 23.40 horas da pasada sexta feira dous dos incendios que entraron desde Portugal. O de Videferre calcinou 800 hectáreas, segundo as estimacións provisionais, e o de San Cibrao afectou a unha superficie de 400 hectáreas. O de maior superficie, o de Rabal, mantense estabilizado, aínda que non controlado, cunhas 2.100 hectáreas queimadas.

Da mesma maneira, permanece activo o incendio de Vilariño de Conso que afecta o Parque Natural do Invernadeiro. Segundo os últimos datos da Consellaría, son xa 5.800 as hectáreas calcinadas por este fogo iniciado a pasada semana.

Outros incendios

A lista de incendios activos na Galiza complétase con cinco máis. Deles, catro están controlados. Trátase do da parroquia de Cereixido, en Cervantes -65 hectáreas-, os de Palas de Rei, parroquia de Ramil, e Antas de Ulla, en Santa Mariña do Castro de Amarante -375 hectáreas e 40 respectivamente- e o da parroquia de Outeiro, en Quiroga -250 hectáreas-.

Ademais, permanece estabilizado o de Nocedo, no municipio de Quiroga, que até o momento calcinou unhas 15 hectáreas, segundo as últimas estimacións da Xunta.

A esta superficie hai que engadir unhas 720 hectáreas de terreo queimadas por incendios dos que Medio Rural xa informou da súa extinción nos últimos días. En concreto, trátase dos de Cualedro (31 hectáreas); Baiona (46 hectáreas); Melón (dous fogos que suman 98 hectáreas); Quiroga (83 hectáreas); Ribadavia (67 hectáreas); Covelo (37 hectáreas); Cervantes, nas parroquias de Donís (75 hectáreas), Noceda (182 hectáreas) e O Castro (0,5 hectáreas); e Rodeiro (110 hectáreas).